Concentración contra a negativa do Ministerio a premiar traballos universitarios en galego
A Delegación do Goberno da Coruña acolleu esta mañá unha concentración, convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística baixo o lema “Liberdade para o galego”, para denunciar que o Ministerio de Educación “nega o mínimo recoñecemento do galego”, ao excluír dos Premios Arquímedes os traballos de fin de grao que foran presentados en calquera lingua oficial do Estado, diferente do castelán.
“Un Traballo de Final de Grao en lingua galega que merecese a puntuación de sobresaínte ficaría automaticamente excluído dun premio dotado con até 7000 euros, sen chegar a ser valorada a súa calidade”, denuncia Marcos Maceira, presidente da Mesa.
“Esta situación”, recorda Maceira, “engádese a casos anteriores de denegación de bolsas de estudos por achegar certificados de estudos en galego”. O Ministerio nega, deste xeito, a liberdade de utilizar o galego nos traballos científicos. A Mesa exíxelle ao goberno español que “depoña a actitude de desprezo ás linguas oficiais diferentes do castelán” e que actúe para garantir a posibilidade de uso. “Unha posibilidade”, salienta, “vetada a través das máis de 500 disposicións legais como a convocatoria do premio Arquímedes”.