Condenan o Concello da Coruña a readmitir a delegada da CIG despedida
Un xulgado vén condenar o Concello da Coruña a readmitir a unha traballadora -e delegada de persoal pola CIG- á que despediu de xeito improcedente xusto despois de ter reclamado que se recoñecera a súa relación laboral indefinida coa administración local. A sentenza entende que a empregada estaba en situación de fraude de lei e obriga ao Concello a reincorporar ou indemnizar, de xeito inmediato, a despedida, así como a abonarlle os salarios de tramitación.
Esta traballadora leva prestando servizos para o Concello da Coruña dende o ano 2012 como orientadora laboral, cun contrato por obra ou servizo que lle prorrogan cada ano e financiado cunha subvención.
O 31 de decembro de 2015 o concello procedeu ao despedimento, alegando fin de obra, sen sequera iniciar o oportuno expediente previo, dada a súa condición de representante legal dos/as traballadores/as.
Fronte a decisión da goberno local, a sentenza recoñece que non existe causa para o despedimento, pois incluso "a falta de subvención ou a convocatoria para contratar axentes de emprego non pode dar lugar á extinción contractual" na forma levada a cabo polo Concello.
Ademais, cuestiónase incluso o carácter temporal do servizo que realiza a traballadora, que "parece que era permanente no Concello, pois non cabe falar de servizo temporal o que se leva a cabo durante uns catro anos e non ten aparencia de finalizar".
Así, o fallo xudicial declara a improcedencia do despedimento e condena o Concello da Coruña, a readmisión inmediata da traballadora nas mesmas condicións que tiña, ou ao abono dunha indemnización. En calquera caso, pola condición de delegada de persoal, a decisión queda en mans da traballadora, que finalmente optou pola readmisión. O Concello tamén terá que abonar os salarios deixados de percibir pola empregada dende a data do despedimento até a notificación da resolución.
Contratos temporais para tarefas estruturais
Dende a CIG-Administración Local critican a proceder do goberno da Coruña que segue contratando a través de programas de carácter temporal a realización de tarefas que son totalmente estruturais e que, diante dos despedimentos declarados improcedentes, non lle permita aos/ás traballadores/as temporais que escollan entre ser readmitidos/as ou indemnizados/as, dereito que a lei recoñece para o persoal fixo e para quen ostente a condición de delegado/a sindical.