Comunicado do movemento sindical en defensa da democracia en Colombia
Organizacións sindicais, entre elas a CIG, veñen de emitir un comunicado facendo un chamado ás institucións internacionais para que observen con especial atención a última parte da campaña electoral ás eleccións presidenciais en Colombia e poñan todos os medios para garantir que o proceso electoral se leve a cabo baixo as condicións de seguridade e garantías democráticas que deben presidir sempre unhas eleccións democráticas.
Centenares de líderes sociais son asasinados e asasinadas en Colombia todos os anos. A esta realidade súmase a presión da oligarquía colombiana, que parece moi empeñada en que as eleccións presidenciais non se leven a cabo coas garantías democráticas suficientes. O medo da dereita para perder o poder que ostentan dende hai décadas fíxose máis que patente nas numerosas irregularidades que puideron ser observadas nas pasadas eleccións lexislativas e nas primarias á presidencia e nas eleccións para elixir a xefatura do Estado.
A cita nas urnas da próxima fin de semana terá lugar tras o inicio das masivas protestas que se levan sucedendo desde 2019 contra o goberno do conservador Iván Duque (acusado, entre outras, do uso desmedido da violencia policial e militar para reprimir estas manifestacións, así como de vínculos co narcotráfico e co crime organizado) que incumpriu de forma sistemática os Acordos de Paz coas FARC, asinados na Habana en 2016 e na que a opción de esquerda que representa o Pacto Histórico pode facerse co poder no país.
As cifras da represión falan por si soas: 83 asasinatos, 96 vítimas de violencia ocular, 35 vítimas de violencia sexual, 1661 vítimas de violencia física e 2053 detencións arbitrarias en contra de manifestantes durante o paro nacional. No que levamos do 2022, 59 líderes sociais e 17 ex-combatentes das FARC e asinantes dos acordos de paz foron asasinados e asasinadas.
Son numerosas as informacións que apuntan a que a xornada electoral e preelectoral poidan verse truncadas. Non sería de estrañar, como diciamos, nun país no que, durante demasiados anos, os asasinatos de líderes sociais, de ex-combatentes reintegrados/as á vida civil, de campesiños/as e indíxenas, de mozos e mulleres foron unha constante, onde as ameazas de morte contra dirixentes sindicais descobren a persecución por parte de quen pretende coartar e impedir a mobilización e protesta social por medio da represión, a intimidación, o medo e o terror, se redobre a aposta autocrática e antidemocrática que quere impedir o acceso ao poder á forza política que, a teor das enquisas, é a favorita do pobo colombiano.
Esta situación política e social que, segundo numerosas organizacións internacionais, parece ser amparada cando non directamente inducida por un executivo que aposta por unha estratexia de guerra contra unha Colombia que merece, loita e ansía avanzar cara a un escenario de paz e democracia.
As organizacións asinantes, comprometidas coa liberdade, a democracia e o progreso da clase traballadora dos pobos, facemos un chamamento ás institucións internacionais para que observen con especial atención o desenvolvemento desta última parte da campaña electoral e poñan todos os medios ao seu alcance para garantir que tanto esta como o propio proceso electoral se leve a cabo baixo as condicións de seguridade e garantías democráticas que deben presidir sempre estas xornadas. A comunidade internacional non pode baixo ningún concepto permitir que o exercicio democrático dun pobo sexa sometido a presións en forma de balas ou decretos que impidan o seu natural desenvolvemento.
Asinantes: CIG (Galiza), UGT (Estado español), LAB (Euskal Herria), CUT (Brasil), CGT (Argentina), CTA Autónoma (Argentina), CTA de los Trabajadores (Argentina), CUT (Chile), PIT-CNT (Uruguay), UNT (México), CGIL (Italia), UGT (Portugal), CISL (Italia), CUT (Galiza), , CUT (Aragón), CSI (Asturias), Intersindical Valenciana, Intersindical Catalana, Intersindical Canaria, SAT (Andalucía), OSTA (Aragón), CGTP (Portugal), CGTP (Perú), CTC (Cuba), CTB (Brasil), CBST (Venezuela), CST-JBE (Nicaragua), FAT (Panamá), CCOO (Estado español), UGT SARIO (Sáhara), Unidad Clasista (Brasil).