Comunicado da FGAMT-CIG ante a convocatoria de folga de UGT e CCOO no sector do transporte
A Federación Galega de Alimentación, Mar, Transportes, Téxtil e Telecomunicacións da CIG (FGAMT-CIG) quere manifestar a súa rotunda crítica aos sindicatos convocantes dunha suposta folga no sector do transporte, anunciada xusto despois de asinar un acordo de reforma das pensións co Goberno español e a patronal, que venderon como un gran avance para a clase traballadora.
A FGAMT-CIG non pode máis que cualificar esta folga de "pantomima", tendo en conta que os sindicatos convocantes son os asinantes dun acordo que, entre cousas cuestións, eles propios afirman que contén avances no recoñecemento dos coeficientes redutores para aquelas actividades con elevados índices de toxicidade, penosidade, perigosidade e insalubridade. De aí que o secretario de Estado de Seguridade Social, Borja Suárez, se apurase a sacar o comunicado anunciando que as e os transportistas se poderían beneficiar da aplicación de coeficientes redutores.
Por iso, o primeiro que lamenta a FGAMT-CIG é que ese acordo para a reforma das pensións siga oculto aos ollos dos e das profesionais do sector e do conxunto da clase traballadora.
Neste contexto, a central nacionalista rexeita que se lancen convocatorias de supostas folgas a través dos medios de comunicación, pero non haxa ningún tipo de información real e concreta sobre esta convocatoria e os puntos de reivindicación nos centros de traballo.
Así mesmo, critica que ante unha convocatoria destas características, as organizacións promotoras non tiveran a responsabilidades de falar con outras organizacións sindicais como a CIG, a pesar de ser a primeira forza en Galiza.
Dito isto, a FGAMT-CIG quere deixar claro que, sen ningunha dúbida, comparte xunto co persoal profesional do sector a necesidade de habilitar fórmulas que lle permitan a este colectivo acceder a xubilación a unha idade anticipada, sen ter que agardar aos 67 anos, que foi o que acordaron UGT e CCOO co Goberno en xaneiro de 2011.
A CIG vén desenvolvendo dende marzo unha campaña no sector (incluíndo tamén o persoal do transporte sanitario) cun intenso traballo sindical para exixir a aplicación dos coeficientes redutores, tal e como se explicou nas asembleas abertas convocadas pola CIG en todas as comarcas a finais do mes de maio e durante a recollida de manifestos de adhesión a esta proposta entre os comités de empresa do sector.
Nestes momento estase á espera de coñecer o contido íntegro e o alcance real do acordo asinado entre a patronal, Goberno español e as organizacións estatais para valorar se dar o seguinte paso: iniciar mobilizacións para exixir a aplicación de coeficientes para este sector.
A este respecto, a CIG insta as demais centrais sindicais a manter unha reunión para tratar a convocatoria dun calendario de mobilizacións conxunto para conseguir a aplicación de coeficientes redutores para este sector, incluído transporte sanitario.
Reunión co secretario de Estado
Esta reivindicación foi trasladada polo secretario xeral da CIG e o secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG na reunión mantida o 16 de maio co secretario de Estado de Seguridade Social, a quen se lle reclamou tamén a participación da central nacionalista, na súa condición de sindicato máis representativo, nas negociacións para a reforma da xubilación parcial e anticipada. Cuestións todas rexeitadas polo secretario de Estado.
Aquela reunión serviu para confirmar a nula vontade do Goberno español para dar un debate aberto, claro e transparente sobre estes dous elementos, fundamentais na modificación do sistema público de pensións.