Comuneiros/as de toda Galiza claman en Compostela contra a privatización dos montes en man común

Demandan condicións de vida dignas nun rural vivo
Nacional - 23 Abr 2018

Centos de comuneiros/as percorreron este domingo as rúas de Compostela en defensa dos montes veciñais e en demanda dun plano forestal para un rural vivo. A mobilización, convocada pola Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (ORGACCMM), contou co apoio de diversas organizacións sociais e colectivos como a CIG, FRUGA, ADEGA, APDR e ATRIFOGA.

 

En Galiza hai arredor de 3.000 comunidades de montes e uns 250.000 comuneiros e comuneiras que xestionan un total de 750.000 hectáreas. Con esta manifestación, as organizacións convocantes querían denunciar que coas últimas modificacións da Lei de Montes Veciñais en Man Común, xunto coa revisión do Plano Forestal de Galiza, “o Partido Popular quere roubar o monte veciñal ás Comunidades de Montes”.

Ao remate da mobilización, na praza da Quintana, denunciouse que a consellaría de Medio Rural “convértese en xuíz e parte para declarar un monte veciñal en estado de abandono e intervilo por causas burocráticas e administrativas, como non elixir a xunta rectora a tempo, incumprir algún artigo da Lei de Montes de Galiza ou da de Prevención e Defensa contra os lumes forestais, xustificando, deste xeito, “a entrega do monte a unha empresa privada por 50 anos sen posibilidade de recuperación nese período”.

Xunto a isto alertouse de que tamén se pretenden desclasificar montes veciñais que teñan entre os seus usos o social. “O PP quere privatizar e desclasificar os montes veciñais en man común para que desapareza do noso país esta forma de posuír que temos os galegos e galegas”.

Por iso denunciouse que o PP non quere garantir un Medio Rural vivo e que só lle interesa para a implantación de aproveitamentos agresivos que non xeran valor engadido, ou equipamentos e instalacións para as elites (campos de golf, centros comerciais, urbanizacións de luxo…).

Revisión do Plano Forestal

Respecto da revisión do Plano Forestal de Galiza denunciouse tamén a aposta por incrementar a superficie de eucalipto e potenciar novos cultivos enerxéticos fronte as madeiras de calidade das frondosas ou a multifuncionalidade. Políticas que xunto a Lei do Solo ou a Lei de Depredación, favorecen o espolio dos nosos recursos naturais cunha planificación sistemática para destruír o rural galego favorecendo as madeireiras e pasteiras dificultando que a xente que vive da actividade agraria teña recursos mínimos para vivir.

Unha situación que afoga o presente e nega a posibilidade dun futuro en condicións dignas no rural abocando ao abandono das explotacións, que desaparecen a un ritmo vertixinoso nunha media de 500 ao ano. Unhas 200.000 hectáreas que son, despois, pasto da forestación e  eucaliptización.

Fronte a esta situación demandouse un Plano que evite que as políticas para o medio rural as planifique o lobby da industria madeireira e que garantan que, cando menos, un terzo do territorio galego teña usos agrarios . Un plan que consolide o rural  e garanta unha vida digna para que non desapareza.