Cómpre impedir a ditadura mundial de Trump

Atilio A. Boron - 24 Feb 2026

Con Trump no seu primeiro mandato, e moitísimo máis agora, as medidas discriminatorias chegaron a extremos nunca vistos. O veto e as sancións aplicadas en contra de quen abasteza de petróleo a Cuba é un acto de guerra de suprema gravidade. A penalización colectiva dun país é xenocidio

Días atrás o goberno cubano informou as aeroliñas que operan no país a suspensión do fornecemento do combustíbel de aviación a partir da cero hora do martes 10 de febreiro. Obediente, o poderoso aparello de propaganda do imperio púxose mans á obra e comezou a desinformar coordinadamente atribuíndo a devandita situación á “crise enerxética” de Cuba. Os seus voceiros metrallaron aos seus lectores, televidentes ou os que fosen as vítimas do seu ataque informativo cunha soa mensaxe: a crise enerxética cubana é unha mostra máis do “fracaso” da Revolución Cubana. Infórmase sobre o feito pero agóchanse as súas causas; non se di que a crise enerxética é consecuencia do criminal bloqueo integral a que foi progresivamente sometida Cuba desde os albores mesmos da Revolución.

 As primeiras “sancións” foron impostas por Eisenhower en xullo de 1960 (redución da cota azucreira) e en outubro dese mesmo ano prohibindo as exportacións estadounidenses á illa, con excepción de alimentos e medicamentos. Desde aqueles afastados días o bloqueo económico, comercial e financeiro imposto a Cuba non fixo senón expandirse e endurecerse, chegando a construír unha monstruosa rede mundial que -ilegal extraterritorialidade das leis de Estados Unidos mediante- non só sanciona a illa senón tamén a quen teñen a ousadía de manter relacións económicas coa illa. Os acordos comerciais coa Unión Soviética atenuaron os tremendos impactos do bloqueo norteamericano, mais a desintegración da URSS en decembro de 1991 deixou a Cuba sumida nunha situación de extrema vulnerabilidade. Vendo a súa presa debilitada, o congreso dos EUA non demorou en se botar a ela e sancionar, en outubro de 1992, a Lei Torricelli -mal chamada “Lei para a Democracia en Cuba”- pola cal se prohibía ás empresas estadounidenses localizadas en terceiros países comerciar con Cuba e estabelecendo que calquera nave que tocase un porto cubano durante os 180 días seguintes non podería facelo noutros dos Estados Unidos.

 Ao anterior sumóuselle poucos anos máis tarde, en 1996, outra lei cun nome tan pomposo como mentireiro: “Lei de Liberdade e Solidariedade Democrática Cubana.” Foi proposta polo arquiconservador senador republicano Jesse Helms e o activista antivacinas e representante republicano na cámara Dan Burton. Mediante este espantallo legal estabelecéronse novas restricións ao investimento estranxeiro en Cuba e con esta lei -promulgada por Bill Clinton en 1996- eliminouse a capacidade do presidente para anular as sancións sen a aprobación do Congreso, convertendo o que antes fora unha “orde executiva” da presidencia nunha lei da nación e que só o Congreso pode modificar.

 Ante esta secuela de crimes non podo menos que aventurar que se aos Estados Unidos lles aplicasen a décima parte das medidas do bloqueo anticubano aquel país se tería desintegrado por completo e convertido nun enorme vertedoiro onde bandas de refugallos humanos -eses que a diario vemos deambulando como zombis polas rúas dalgunhas cidades estadounidenses- estarían a se matar para conseguir algo con que subsistir, ao estilo do que mostra Blade Runner, o notábel filme de Ridley Scott. Mais tal desenlace non se produciu en Cuba: a fibra moral da illa e o legado de Martí e Fidel fíxoa infinitamente máis sa e forte que a sociedade estadounidense.

 Con Trump no seu primeiro mandato, e moitísimo máis agora, as medidas discriminatorias chegaron a extremos nunca vistos. O veto e as sancións aplicadas en contra de quen abasteza de petróleo a Cuba é un acto de guerra de suprema gravidade. A penalización colectiva dun país é xenocidio. O custo acumulado de sete décadas de bloqueo ascende, en dólares referenciados contra o valor do ouro, a 1 billón 500 mil millóns de dólares, equivalente a unhas sete veces o custo do Plan Marshall, mesmo que permitiu a reconstrución dalgúns países europeos logo da devastación da Segunda Guerra Mundial. Hoxe, unha cifra moito maior está destinada a castigar a Cuba pola súa Revolución, a pesar do cal este país mantivo durante décadas índices de desenvolvemento social, educativo, sanitario e cultural que en non poucos casos eran mellores que os de varios países desenvolvidos. Por exemplo, a taxa de mortalidade infantil. A pesar diso os papagaios do imperio insisten en caracterizar a Cuba como un “estado falido” cando, en realidade, lograr manter durante tanto tempo a calidade da atención médica da súa poboación no medio dos fragores do bloqueo indica precisamente o contrario. Algo que, por exemplo, aínda os Estados Unidos non lograron. Cal é o “estado falido” neste caso?

 Cuba sobresae neste mundo pola súa solidariedade internacional, polo seu militante humanismo. A “Operación Milagre” devolveu a vista a centenares de miles de persoas en Latinoamérica. Os seus médicos e persoal da saúde contiveron a epidemia do ébola en Serra Leona, Liberia e Guinea, lugares que nunca viron un médico estadounidense ou europeo. Cando Milán e toda a rexión de Lombardía se vía atafegada polo avance da Covid-19 foron integrantes da brigada médica Henry Reeve os que acudiron en axuda dos italianos, realizando un salientábel labor que foi unanimemente recoñecido en toda a península. Este espírito martiano e fidelista que caracteriza Cuba manifestouse non só no campo da medicina e as campañas de alfabetización. Tamén na axuda a nacións como Angola, agredida en 1975 por unha coalición racista e desempeñando un papel crucial na derrota dos invasores e, por riba, para pór punto final ao apartheid en Suráfrica. Non menos importante foi a axuda que desde os inicios da Revolución Cubana se prestou aos patriotas alxerinos que loitaban en contra do colonialismo francés. Angola e Alxeria son dous países exportadores de petróleo.

 Unha mostra contundente da súa gratitude polo moito que Cuba fixo pola súa independencia sería asumir o compromiso de enviar cargamentos de petróleo á illa caribeña. Temen a represalia do emperador, á imposición de maiores aranceis? Pois paguen coa mesma moeda, porque a guerra de aranceis está a destruír a economía dos Estados Unidos. Ademais, Trump vainos agredir máis cedo que tarde para roubarlles o seu petróleo. Máis lles vale estaren preparados para a batalla. E tamén podería Brasil facer o propio coa súa empresa de bandeira, Petrobrás, e enviar buques petroleiros a Cuba, sobre todo se o xigante suramericano quere entrar definitivamente a xogar nas grandes ligas do sistema internacional. Que isto producirá o fastío e desatará as sancións arancelarias de Trump? Si, pero Brasil ten costas para aturar esa eventual represalia e polo que acaba de dicir Claudia Sheinbaum México está por renovar os seus envíos a Cuba malia chantaxe de Washington. Se estes dous países da Nosa América dan un paso á fronte outros imitaranos.

 Sen luz, sen internet, sen transporte os cubanos e as cubanas serán vítimas de novos e cada vez máis intensos sufrimentos. Mais non serán dobregados. Imponse por tanto reforzar a solidariedade con Cuba, o apoio activo para que poida enfrontar esta nova agresión. É urxente e necesario organizar un boicot mundial contra buques mercantes procedentes dos, ou que se dirixen aos, Estados Unidos. Nin se cargan nin se descargan. E nós, pola nosa banda, boicotear todo produto ou empresa estadounidense. Cómpre frear esta ditadura mundial que pretende instaurar Donald Trump cos seus colegas dentro e fóra dos Estados Unidos. Aínda estamos a tempo para facérmolo, mais é ben actuarmos actuar xa.

 

[Artigo tirado do xornal arxentino Página12, do 16 de febreiro de 2026]