Compostela sae á rúa en apoio ás demandas do persoal do servizo de Urxencias do Hospital Clínico
Nin o anunciou de vaga de frío impediu que miles de composteláns se sumaran ás traballadoras e traballadores do servizo de Urxencias do Hospital Clínico, en folga desde o pasado día 12 de novembro, para reclamar os recursos humanos e medios materiais necesarios para a prestación dunha atención sanitaria digna.
A eles sumáronse as traballadoras e traballadores de PACs en Pé de Guerra, tamén en folga indefinida; o persoal de ambulancias, en loita por un convenio digno; o persoal da central de chamadas do servizo de emerxencias 061, xestionado polo Grupo Norte e que xa anunciaron que volverán a folga o vindeiro día 21 de xaneiro; SOS Sanidade Pública e outras asociacións de usuarios e usuarias.
A manifestación partiu da Praza Roxa e percorreu as rúas de Compostela para rematar na Praza de Praterías baixo o lema “Por unha sanidade pública de calidade: Urxencias dignas xa!!!”
O atleta internacional, Pedro Nimo del Oro, que foi o encargado de dar leitura ao manifesto, “Para unha Sanidade digna” arrincou a súa intervención afirmando que “sempre crin que a maior satisfacción persoal chega cando un é ‘culpábel’ da felicidade e do benestar dos demais”, para a partir de aí lembrar que a sanidade pública foi, durante anos, “un dos grandes logros da nosa sociedade” e o noso persoal sanitario e de servizos, ten tan “excelente reputación” alén das nosas fronteiras, que todos e cada un de nós somos quen de presumir de ter unha sanidade ao máis alto nivel e ao servizo e alcance de todas as persoas, porque, remarcou, “é un ben público”.
Fronte a isto lamentou ver que, de un tempo a esta parte, “lonxe de facilitarlles o traballo, lonxe de valoralos e motivalos, estruchámolos”. Neste sentido, denunciou a redución da ratio de profesionais por doente e servizo e alertou do custo que isto ten “xa que a presión e a carga asistencial á que se vén sometidos/as pode causar erros e os erros, poden custar vidas”.
Alertou de que esa presión fai que a “eficiencia e trato” poidan resentirse chegando mesmo a ter doentes nos corredores ou ter estes que agardar durante horas para recibir unha atención digna e denunciou que “o material é, en moitos caso, obsoleto e isto dificulta aínda máis o traballo do perosla e con iso a satisfacción e confianza do/a paciente”.
As razóns da folga
Tamén deu conta das razóns da folga que, matizou, “non é unha folga para luxos, excepcións ou privilexios”, senón unha folga para que tanto o persoal sanitario como o de xestión de servizos “poidan exercer o seu traballo dunha forma digna e segura, de xeito que poidan ofrecer un servizo con garantías e un trato a nivel humano e profesional con toda a ética e garantías necesarias”.
Por todo iso amosou a súa “gratitude e apoio” a todas as persoas que a diario traballan neste servizo e que, “aínda nestas circunstancias, amosan a súa mellor versión tanto a nivel humano como profesional”.
Nimo concluíu asegurando que “non se poden abrir hospitais, centos de saúde ou PACs se non temos o persoal suficiente co que dotalos” e reiterou o seu apoio porque o que piden é “o mínimo necesario para estar ao servizo dos demais con garantías”.