Compañeiro Bautista, que a terra che sexa leve
A Confederación Intersindical Galega lamenta o pasamento, o pasado sábado día 16 de setembro en Beariz (Ourense), do compañeiro Bautista Álvarez, tras unha vida de inquebrantábel compromiso con Galiza e as súas clases populares.
Bautista Álvarez forma parte desa xeración de homes e mulleres que se comprometeron, desde a mocidade, na defensa de Galiza e que impulsaron alá polos anos 60, na clandestinidade, na autoorganización do pobo galego, tamén creando un sindicato nacionalista e de clase.
Homes e mulleres convencidos/as da necesidade de contarmos con ferramentas políticas e sindicais de obediencia exclusivamente galega –tamén creando un sindicato nacionalista e de clase que deu no que hoxe é a CIG- que, tal e como lembraba Suso Seixo nunha recente entrevista, “defenderan os intereses inmediatos e estratéxicos da clase obreira galega fronte proxectos que obedecían a dinámicas estatais”.
Bautista Álvarez, que defendeu até o seu último alento a causa da liberación nacional e social do pobo galego, forma xa parte da nosa historia. Que a terra che sexa leve, compañeiro!