"Como galegas, en Gadis non temos vida"
Traballadoras e traballadores de Gadis mobilizáronse este mércores diante do supermercado que a empresa ten na rúa San Andrés (A Coruña) para denunciar a sobrecarga de traballo que teñen que soportar, os excesos de xornada, as presións para realizar as tarefas ou a falta de cobertura do persoal ausente.
Na protesta, convocada pola sección sindical da CIG, denunciáronse os abusos laborais dándolle unha volta aos coñecidos slogans publicitarios de Gadis: "como galegas, en Gadis non temos vida", "non queremos ser ás que sempre lles chova enriba" ou "non temos tempo de respirar e menos de bailar o futuro".
As delegadas da CIG subliñan que os abusos son xeneralizados pero na sección de caixa a situación "é extrema". Así, explican que as traballadoras/es teñen que realizar numerosas tarefas ao mesmo tempo (cobrar, contestar o teléfono, atender os pedidos a domicilio, embolsar compras, limpar carros e cestos, repor produtos, etc.) sen que Gadis reforce o persoal. Pero é que ademais, "padecemos a vixilancia secreta no noso posto de traballo por medio dunha empresa contratada a este efecto".
Apuntan que a carga de traballo se endureceu especialmente dende 2020, "ano no que nos exixiron aínda máis alegando a nosa responsabilidade coa poboación". Precisamente dende o inicio da pandemia e despois co medre disparado do prezo dos alimentos, as empresas de distribución como Gadis están a obter uns beneficios millonarios, pero estas ganancias extraordinarias "non repercuten na mellora das nosas condicións laborais. Continuamos a ter unha carga esaxerada de traballo e padecemos unhas esixencias desmesuradas".
Ante esta situación, a representación da CIG propuxo ao resto de sindicatos con presenza no comité realizar mobilizacións conxuntas, "pero decidiron non participar". Así as cousas, avanzan que a CIG "seguirá a tomar as medidas necesarias para que cese esta situación e denunciaremos os abusos que padecemos".