Como actuar fronte ao coronavirus no teu traballo
O Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral da CIG elaborou unha infografía interactiva sintética dirixida a orientar a actuación dos traballadores e das traballadoras e os/as seus/súas representantes en materia de prevención fronte o risco de infección por coronavirus nos seus centros de traballo. A infografía inclúe, a través de ligazóns, documentos preventivos aclaratorios e modelos de denuncia para presentar ante os organismos pertinentes.
Como actuar fronte ao coronavirus no teu traballo
1.- Esixir a existencia dun protocolo preventivo de actuación adaptado á actividade da empresa que deberá someterse a consulta, e se é posíbel ao acordo, do Comité de Saúde Laboral, coa participación dos delegados/as de prevención e delegados/as sindicais. Dito protocolo deberá contemplar o estabelecemento e implementación de medidas preventivas:
- Organizativas: videoconferencias en lugar de viaxes e xuntanzas presenciais de traballo, teletraballo con garantías laborais e preventivas, formación on-line, quendas alternativas de traballo e utilización de novas tecnoloxías que eviten o contacto directo.
- Distancia física: Distancia de seguridade permanente entre traballadoras/es e usuarias/os do servizo de polo menos dous metros.
- Pautas hixiénicas: Consulta nesta ligazón
- Utilización de EPIs: eficientes ante o risco (luvas, gafas, máscaras, etc.); axustados ás características da persoa que os utiliza; persoais e intransferíbeis; proporcionados gratuitamente pola empresa nun número suficiente. E con información/formación sobre o uso correcto dos EPIs. No caso de non existir un protocolo específico de prevención correctamente integrado no Plan de Prevención da empresa: denunciar esta grave irregularidade ante a Inspección de Traballo e SS, Ministerio de Sanidade e Delegación do Goberno. Modelo de denuncia
2.- Esixir a existencia e posta a disposición de Equipos de Protección Individual (EPIs) segundo estea estabelecido no protocolo preventivo.
No caso de non estar a disposición dos traballadores e das traballadoras os EPIs contemplados no protocolo da empresa, proceder a realizar a correspondente denuncia ante a Inspección de Traballo e SS, Ministerio de Sanidade e Delegación do Goberno. Modelo de denuncia
3.- Persoas especialmente sensíbeis ao coronavirus: a área sanitaria do Servizo de Prevención de Riscos Laborais debe avaliar a presenza de persoal traballador especialmente sensíbel en relación á infección de coronavirus SARS-CoV-2 (persoas con diabetes, enfermidade cardiovascular, incluída hipertensión, enfermidade hepática crónica, enfermidade pulmonar crónica, enfermidade renal crónica, inmunodeficiencia, cancro en fase de tratamento activo, embarazo e maiores de 60 anos).
En caso de que non se poida adaptar o posto de traballo destas persoas sensíbeis, ou non se lles poida asignar un exento de risco, a área sanitaria do Servizo de Prevención elaborará un informe para que quede acreditada a indicación de incapacidade temporal, co fin de facilitar aos servizos de Atención Primaria, a súa tramitación.
No caso de non existir este catálogo de postos exentos de risco de contaxio e/ou das medidas organizativas alternativas para protexer a estes traballadores e traballadas, proceder a denunciar esta grave irregularidade ante a Inspección de Traballo e SS, Ministerio de Sanidade e Delegación do Goberno. Modelo de denuncia
4.- Se temos sintomatoloxía. As persoas traballadoras que presenten febre ou tose, deberán quedar no seu domicilio e contactar cos servizos de saúde telefonicamente chamando ao número 900 400 116. Se se ten sensación de falta de aire, empeoramento ou sensación real de gravidade por calquera outro síntoma, chamar ao 061.
5.- No caso de contaxiarse ou estar sometido a illamento. En ambos os dous casos temos dereito á baixa nas mesmas condicións económicas que as de accidente de traballo. Nestas situacións será exclusivamente o persoal médico de Atención Primaria do SERGAS quen emita os partes de baixa e alta en todos os casos de afectación por coronavirus. En ningún caso estes partes poderán ser emitidos polo persoal facultativo das Mutuas Colaboradoras coa S.S., do Instituto Social da Mariña ou das Empresas Colaboradoras. Non hai que emitir parte de accidente de traballo nestas situacións, será sempre tramitado como enfermidade común.
6.- No caso de dúbida, dificultades ou necesidade de asesoramento, poñerse en contacto coas estruturas sectorias e/ou territoriais da CIG máis achegados ao teu centro de traballo para que te poidan prestar o apoio e o asesoramento correspondente. Nesta ligazón tes os datos de todos os nosos locais: https://www.cig.gal/locais.html