Comités de empresas da comarca de Ferrol trasladan a solidariedade con Pintos e piden a súa absolución
Dezaseis comités doutras tantas empresas da comarca de Ferrol xa teñen asinado pronunciamentos en solidariedade con Xesús Anxo López Pintos e para demandar a súa absolución. Esta recollida de apoios forma parte das accións da campaña iniciada pola CIG en contra da represión sindical e na que tamén se involucraron CCOO, UGT e CGT, porque a unidade na loita contra a criminalización da mobilización social e na defensa dos dereitos e liberdades debe ser total.
Cómpre lembrar que o compañeiro Pintos se enfronta a un xuízo os vindeiros días 12, 13 e 14 de novembro na Audiencia Provincial da Coruña pola súa participación nunha mobilización que no ano 2012 realizaron traballadores/as de Navantia e Poligal en defensa do emprego e da industria na comarca, coincidindo co acto de inicio da campaña electoral do PP. Precisamente, o comité de Navantia é un dos que xa ten amosado a súa solidariedade con Pintos e ademais tomou a decisión de chamar os traballadores e as traballadoras a concentrarse nas portas do estaleiro coincidindo coa primeira xornada do xuízo.
Alén da recollida dos pronunciamentos entre os comités e delegados/as de persoal (que aínda continúa), as organizacións sindicais van convocar unha manifestación comarcal para o vindeiro martes, 29 de outubro, que baixo o lema "Contra a represión. Xustiza para Pintos", sairá ás 20 horas do edificio da Xunta en Ferrol. E durante os días do xuízo están previstas concentracións diante do edificio da Audiencia Provincial na Coruña.
Ataque á mobilización social
A situación na que se atopa o compañeiro Pintos supón un ataque descarado contra o sindicalismo e a mobilización social como ferramentas básica da clase obreira para a defensa dos nosos dereitos e a mellora das nosas condicións de vida. Unha persecución que se agudizou durante os anos máis duros da crise coa aprobación dunha lexislación que recortou dereitos e liberdades fundamentais, o incremento da represión policial e a utilización perversa do aparato xudicial, nun contexto de perda de emprego e empobrecemento xeneralizado da clase obreira.
Por iso, unha das demandas principais desta campaña pasa tamén por esixir a anulación inmediata da denominada Lei Mordaza e do artigo 315.3 do Código Penal.
* Relación de comités que asinaron até o momento o manifesto en apoio a Pintos: Navantia; Maessa, Electro Rayma, Arteixo Telecom, GT Motive, Intaf Promecan, Ferrovial, Domus Vi; Indipunt Sl; Servicios Sanitarios del Cantábrico (seccións de Cedeira e Pontedeume); Central Tulonja: GEriatros Ferrol; Ambulancias Quiroga; Ambuibérica: Pull&Bear España; UTE San José El Ejidillo Xardíns de Ferrol.