O comité de XEAL e os Concellos acordan instar a Xunta a que inicie un novo procedemento de concesión
O comité de XEAL reuniuse na tarde de onte, luns 23, coa alcaldesa de Cee e os alcaldes de Dumbría e Mazaricos para trasladarlles as inquedanzas xeradas tras a recente operación de compra-venda das fábricas e das centrais hidroeléctricas co grupo Energo-Pro e solicitarlles que insten a Xunta de Galiza a unha rápida actuación para garantir o cumprimento das cláusulas concesionais.
Na reunión, o comité explicou que a pretensión do novo grupo de construír a central reversíbel da Ruña, en Mazaricos, cunha empresa distinta á propietaria do complexo enerxético-industrial, supón unha segregación de facto das centrais hidroeléctricas das fábricas de ferroaliaxes. Este incumprimento manifesto das claúsulas e das sentenzas xudiciais non pode ser ignorado pola Xunta de Galiza que, dunha vez por todas," ten que sentar nunha reunión a catro bandas (empresa, administración autonómica, alcaldías e comité) para volver a pór en marcha un procedemento administrativo como o do ano 1992".
Neste senso o comité reclama que neste proceso se revisen os términos das concesións, de xeito que quede estipulado tanto o que é a actividade industrial como o número de traballadores e traballadores, en base a sentenza firme do TSXG de novembro de 2020.
A representación do persoal acordou coa alcaldesa e os alcaldes presentar un escrito en Augas de Galiza con estas cuestións e pedir unha reunión en conxunto, "agardando así non volver quedar nunha situación de desamparo como a que vivimos no ano 2019, cando se producíu a venda de Ferroglobe a Ithaka, e non tivemos ningún apoio".
Despois do vivido nestes últimos anos, cos fornos practicamente parados, as fábricas deterioradas por non facerlle os investimentos necesarios e unha perda continuada de postos de traballo, "as administracións teñen que actuar con dilixencia para impedir que a nosa comarca se converta nun deserto industrial mentres empresas estranxeiras sacan beneficios millonarios a conta de especular cos nosos recursos".