O comité: "Temos total disposición a dialogar con Ferroatlántica, se desiste de vender as centrais"
O Comité de Ferroatlántica Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas, en reunión plenaria celebrada este venres 24 de marzo, como non podía ser doutro xeito, acordou non acudir á reunión convocada pola empresa para o vindeiro luns en Madrid. O Comité xa lle ten trasladado en infinitas ocasións á dirección "a súa total disposición" ao diálogo e á negociación dun plan industrial, pero baixo unha premisa irrenunciábel: que a empresa desista publicamente da operación ilegal de venda das centrais hidroeléctricas e da segregación das actividades.
Parécenos un insulto a insistencia da empresa en manter unha reunión co Comité, ignorando a reivindicación de xustiza social da comarca"
"Parécenos un insulto a insistencia de Ferroatlántica en manter unha reunión con este Comité, ignorando o clamor de toda unha comarca que, o pasado 10 de marzo saía masivamente ás rúas para reclamar ao lado dos traballadores e as traballadoras da empresa, xustiza social polo castigo sufrido durante 25 anos de explotación e espoliación dos nosos recursos naturais", aseveran. Unha comarca que veu como os beneficios xerados serviron para potenciar e enriquecer outras empresas do Grupo no mundo, "mais non para reinvestir na modernización e ampliación das capacidades produtivas das fábricas na Costa da Morte".
Plan de reconversión
Por parte do Comité, tense exposto á dirección claramente que ese "plan industrial" que continúan a anunciar "non é digno de tal nome, xa que se fundamenta na venda das centrais hidroeléctricas e polo tanto representa un verdadeiro plan de desmantelamento e reconversión".
Fronte a esta desfeita para a comarca, o Comité defende todo o diálogo e negociación que sexa necesario para negociar un verdadeiro plan industrial para Cee e Dumbría "que deberá asentarse sobre unha base previa, clara e inequívoca na que a empresa respecte o actual marco legal, e polo tanto, desista, da venda das centrais hidroeléctricas e asuma a non segregación. O financiamento do mencionado plan ten que abordarse principalmente a través dun plan plurianual de reinversións das actividades e beneficios xerados polas concesións".
Só unha declaración contundente da Xunta desautorizando a venda remataría dunha vez con calquera tentativa da empresa e coa incerteza instalada no persoal"
Neste senso, lembran que a ilegalidade da operación que Ferroatlántica pretende levar adiante fica demostrada por recentes informes xurídicos independentes, que reafirman as sentenzas xudiciais existentes e avalan o contido das declaracións e posicionamentos institucionais aprobados en contra da venda e da segregación das actividades.
Complicidade da Xunta
A este respecto critican que, a pesar da evidente vulneración da legalidade que supón a operación formulada polo Grupo Villar Mir, até o momento, a Xunta siga mantendo unha actitude cómplice coa empresa, ao non desautorizar de maneira clara e contundente a venda das centrais. "Só unha declaración do goberno galego neste sentido remataría dunha vez con calquera tentativa da empresa e coa incerteza instalada nos cadros de persoal", conclúen.