Comité e Xunta de Persoal do Concello de Lugo denuncian o impago das horas extras e a falta de negociación en cuestións básicas
Sindicatos, xunta de persoal e comité de empresa do Concello de Lugo compareceron en rolda de prensa este xoves para denunciar a situación que están a soportar os traballadores e as traballadoras municipais debido á inactividade do Goberno local, así como para criticar a falta de resposta á multitude de solicitudes e escritos presentados por parte da representación social nos últimos anos. Neste contexto, advertiron que o Goberno mesmo chega a denegarlles información básica relativa á xestión do persoal municipal, "incumprindo gravemente a súa obriga de informar".
Entre as cuestións máis urxentes, os e as representantes do persoal destacaron as débedas salariais que o Concello ten pendentes cos traballadores e traballadoras (que cuantificaron en máis dun millón de euros) en conceptos como servizos extraordinarios, produtividade e axudas e que nalgún caso están pendentes de abondar dende hai máis dun ano; a falta de desenvolvemento da carreira profesional (mala ser un dereito do persoal e unha obriga para a administración); ou a falta de modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT), aprobada hai catro anos, malia a necesidade de crear novos postos e revisar e reclasificar outros.
Demandas reivindicadas dende hai anos
Estas problemáticas xa foran trasladadas pola xunta e o comité nun escrito remitido ao concelleiro de Economía e Recursos Humanos en xuño de 2023, mais neste tempo os avances foron mínimos, dándose incluso retrocesos. Neste senso, acusan o Goberno municipal de estar afeito a "gobernar a golpe de sentenza xudicial" e de practicar a "máis absoluta indiferenza e abandono" co seu persoal. "Logo de case un ano de mandato, sumado aos da anterior lexislatura, tivo tempo máis que suficiente para poder ter abordado estes asuntos", aseveraron na comparecencia pública.
Por iso, advertiron que a representación sindical dos e das empregadas "non podemos agardar máis, nin seguir aprazando cuestións primordiais para o bo funcionamento do Concello" pois, apuntaron, non existe sequera un regulamento de control horario. E nesta liña, xa avanzaron que, de non revertese a actual situación emprazarán o persoal municipal a iniciar accións de protesta.
A parte social exixiu a convocatoria de xeito inmediato da mesa xeral de negociación para iniciar o proceso de modificación da Relación de Postos de Traballo, así como a regulación da carreira profesional, que debera estar contemplada nos orzamentos e implantada no vindeiro exercicio 2025.
Orzamento de persoal para pagar facturas
De igual xeito, reclamaron a posta ao día dos pagos pendentes ao persoal municipal no prazo de tres meses. Neste punto, amosaron a fartura do persoal coas escusas dadas para non actualizar os pagos pendentes, cando hai un ano se aprobaron subas de soldo para os membros da corporación e para o persoal asesor e se aumentou a asignación aos partidos políticos.
Máis grave aínda consideran que de cotío se estea a transferir crédito dende o Capítulo I dos Orzamentos (dedicado a gastos de persoal) para destinalo a pagar outros gastos como mobiliario ou facturas da luz.
Xunto a estas cuestións, a representación sindical puxo o acento tamén noutras problemáticas como a falta dun regulamento de control horario ou que non se negocien os procesos de estabilización.