Comité e Xunta de Persoal denuncian trato desigual e inxusto entre os/as traballadores/as de Correos
O Comité de empresa e a Xunta de Persoal do Correos da provincia da Coruña mobilizouse este mércores diante da oficina principal da empresa postal na cidade herculina para esixir un trato xusto e en igualdade de condicións para todo o persoal. Denuncian que, a pesar de existiren procesos e órganos de control, no día a día, tanto nas contratacións de persoal como nas promocións e o acceso aos postos mellor considerados, "falta transparencia, obxectividade e información de maneira que se favorece a uns traballadores/as sobre outros/as".
O Comité de empresa e a Xunta de Persoal do Correos da provincia da Coruña mobilizouse este mércores diante da oficina principal da empresa postal na cidade herculina para esixir un trato xusto e en igualdade de condicións para todo o persoal. Denuncian que, a pesar de existiren procesos e órganos de control, no día a día, tanto nas contratacións de persoal como nas promocións e o acceso aos postos mellor considerados, "falta transparencia, obxectividade e información de maneira que se favorece a uns traballadores/as sobre outros/as".
"Para unhas persoas os postos e as prazas están dispoñíbeis, pero para outras non", denuncian o Comité e a Xunta de Persoal nun escrito que veñen de remitir ao director de zona para esixir o remate dunhas prácticas que consideran "opacas e escurantistas". No escrito, os órganos de representación fan referencia a varias situacións e exemplos nas que se teñen detectado situacións de trato inxustas.
Así, explican dende o sector de Correos da CIG, danse casos de traballadores/as que por motivos de enfermidade non poden realizar as súas labores habituais, pero que á hora de acceder a un posto provisional compatíbel co seu estado de saúde "non teñen as mesmas facilidades que outro persoal".
Subxectividade nas avaliacións
A representación social advirte tamén que non se lle está a informar sobre as avaliacións do desempeño do persoal, que son realizadas por unha única persoa seguindo interpretacións subxectivas. Unha avaliación negativa ten para un empregado ou empregada consecuencias moi graves, xa que pode supor que decaia das listas das bolsas de contratación e mesmo imposibilitar que se presente ás oposición de Correos.
"Como non nos trasladan ningunha información, existen serias dúbidas a respecto de que estas avaliacións non supoñan un agravio para aquelas traballadoras e traballadores con menor afinidade coa persoa responsábel da avaliación, en favor doutras", sinala a CIG-Correos.
Arbitrariedade na cobertura dos postos temporais
En Correos, as coberturas temporais de postos realízanse a través das bolsas de emprego e, segundo o convenio colectivo, asígnanse primeiro os mellores contratos e de xeito rotatorio entre as persoas que figuran nesas listas. Ademais, as comunicacións téñense que realizar de maneira que quede constancia. "Mais na práctica non temos constancia de cando se xera a necesidade de cada contrato, as rotacións das bolsas son tan complexas que é imposíbel identificar por que se adxudica ou exclúe a un aspirante e a maioría das comunicacións fanse por teléfono e non quedan rexistradas nin se informa delas", subliñan.
A maiores, engaden, cando as bolsas non son suficientemente amplas e se esgotan as persoas inscritas "directamente deixan de existir criterios para o chamamento e recórrese a persoas 'idóneas', que nalgúns casos é alguén próximo por parentesco ou afinidade a un xefe ou persoa con responsabilidade", alerta a representación social.
Esta arbitrariedade tamén se dá na distribución das cargas de traballo cando hai picos de actividade ou cando falta persoal. "Con excesiva frecuencia vemos como as labores máis custosas recaen sobre o persoal eventual, que é o máis indefenso, e que se ve na obriga de sacar adiante os traballos máis duros, excedendo a súa xornada e coa presión de non provocar o descontento do/a xefe/a e unha posíbel avaliación negativa do desempeño".
Tampouco as promocións do persoal fixo son alleas a estas prácticas, pois na maioría dos casos os mandos intermedios e xefaturas de equipo noméanse polo sistema de libre designación en lugar de por un concurso de méritos que permitiría avaliar criterios como antigüidade, competencias, coñecementos ou formación.
Diante desta situación, o Comité de empresa e a Xunta de Persoal solicítanlle ao director de zona que se remate con estas prácticas opacas e de corte subxectivo para garantir un trato igualitario e xusto para todos os traballadores traballadoras de Correos; así como se dea traslado aos órganos de representación do persoal de toda canta información sexa precisa "para facer as labores propias de control".