Comité de XEAL: "Os alcaldes non poden permanecer pasivos ante o desmantelamento das fábricas"
Dentro da rolda de contactos institucionais que está a realizar o comité de XEAL para frear os plans de desmantelamento da empresa, os/as representantes dos traballadores e das traballadoras das fábricas de Cee, Dumbría e das centrais, mantiveron un encontro na tarde de onte cos alcaldes e alcaldesas da comarca para demandarlles a súa implicación activa e que se poñan á fronte da defensa do futuro industrial da Costa a Morte.
No encontro (escusaron a súa presenza os rexedores de Zas e Muxía) trasladóuselle aos/ás representantes municipais a crítica situación na que se atopan as fábricas, que están a un 10% da súa capacidade de produción, e as repercusións negativas que ten para a economía e o emprego da comarca este desmantelamento progresivo, tendo en conta que xa se perderon máis de 80 postos de traballo entre persoal eventual e das industrias auxiliares pola baixada da actividade.
"Xa advertimos do que ía pasar coas factorías de ferroaliaxes cando Ferroatlántica fixo o último intento de segregar as centrais. A posterior operación de venda ao fondo TPG confirmou que o negocio que lles interesa é o enerxético e vémonos hoxe con só dous fornos á mínima produción, coa aplicación de dous ERTE case consecutivos no que vai de ano, sen que haxa inversións para a modernización das instalacións e sen un proxecto industrial de futuro", denuncia o presidente do comité, Alfonso Mouzo.
O conflito, no centro de axenda política
Por iso, dende o comité reclamaron ás e aos alcaldes que poñan este conflito no centro da axenda política e soliciten unha reunión co presidente da Xunta para abordar a situación das fábricas e esixirlle que demande á empresa o preceptivo plan de viabilidade "polo que levamos agardando dende hai máis de un ano". E no caso de XEAL non presentar este plan que se lle abra expediente polo incumprimento das cláusulas das concesións e se proceda ao rescate destas por parte da Xunta.
"O que non poden facer os concellos é continuar pasivos ante o deterioro das fábricas e a destrución de postos de traballo. Teñen que facer unha fronte común e liderar a defensa dos intereses da Costa da Morte; e como representantes dos veciños e da veciñas esixir que se cumpra coa legalidade vixente, porque non hai mellor garantía para a viabilidade das fábricas e o mantemento dos empregos que a vinculación da produción enerxética e de ferroaliaxes", asevera Mouzo.
Pola súa parte, os/as representantes políticos comprometéronse a pedir unha reunión coa presidencia da Xunta para tratar a situación das fábricas e das concesións hidráulicas e demandarlle actuacións urxentes.
Continúa o calendario de mobilizacións
O comité tamén acordou continuar adiante co calendario de mobilizacións para esixir o plan de viabilidade e un calendario de rearranque dos fornos, desta volta con concentracións semanais todos os venres, ás 19 horas, diante da Casa do Concello de Cee.