Comité de folga do 061 alerta do perigo de improvisar nas probas con pacientes reais na Estrada
O comité de folga do persoal estatutario da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galiza-061, que mantén convocado un paro indefinido dende o pasado 1 de agosto para reclamar unha compensación xusta polo seu traslado de Santiago á Estrada, alerta do perigo que pode supoñer a improvisación coa que se están a realizar as probas con pacientes reais na nova central da Estrada e denuncia que se fan con persoal que non é médico/a coordinador/a en activo.
Dende a representación dos traballadores/as, explican que este xoves día 9 comezaron a facerse probas en paralelo entre as dúas centrais do 061, para o que se trasladou persoal de diversas categorías laborais. “Para as probas con chamadas de urxencias e emerxencias reais non contaron co persoal médico coordinador, que é o encargado de xestionar as chamadas e decidir que recursos públicos se mobilizan”, ao tempo que lembran que esta función é propia dos médicos/as coordinadores/as.
É unha actuación temeraria sen ningún tipo de garantía, e por iso non ten o apoio do equipo médico coordinador
Sosteñen que este persoal leva máis de seis anos sen exercer como médico/a coordinador/a e non realizou o curso de reciclaxe. "É unha actuación temeraria sen ningún tipo de garantía, e por iso non ten o apoio dos médicos/as coordinadores/as", indican.
Segundo explican, para levar a cabo estes traballos o 061 trasladou ás dependencias da Estrada ás xefas dos servizos de Atención ao Usuario/a e de Transporte Urxente e ao director de Coordinación, “que foron as que se encargaron de realizar a atención das emerxencias e urxencias que é propia dos médicos/as coordinadores/as, xa que son os únicos/as que teñen a habilitación e a competencia para desenvolver este labor”.
Consecuencias penais
Como consecuencia, as probas realízanse sen un cronograma detallado e sen os recursos humanos destinados para cada unha das tarefas, polo que cualifican este comportamento de “temerario” e advirten que pode supoñer responsabilidades administrativas e incluso penais.
Finalmente, critican que na última reunión coa xunta de persoal do 061 a dirección lles facilitase un cronograma “cheo de imprecisións e vaguidades que non garante un traslado cun mínimo de garantías”. Diante disto, queren deixar claro que se a calidade do servizo da central do 061 se ve reducida “non é porque esteamos en folga, pois os servizos mínimos son do 100%, senón que é porque este traslado se está a levar a cabo sen a dilixencia precisa e sen planificación de ningún tipo”.