Comité de Ferroatlántica: "a Xunta ten nas súas mans paralizar a venda das centrais"
Así llo expuxeron no escrito que hoxe remitiron por Rexistro Xeral a Alberto Núñez Feijoo, a quen demandan tamén que, de xeito cautelar, "suspenda as concesións administrativas que Ferroatlántica ten deses aproveitamentos hidroeléctricos".
Neste senso, o Comité apela á responsabilidade do Goberno galego para que non permita unha venda que "compromete o futuro de 400 postos de traballo directos e un importante número de indirectos, posto que pon en perigo a continuidade das fábricas de Cee e Dumbría", un dos principais motores económicos da comarca da Costa da Morte, declarada no seu día deprimida e de acción especial.
Así, lembran que no documento de inscrición dos aproveitamentos hidroeléctricos nos ríos Xallas e Grande do Porto figuran as condicións de non segregación en sociedades distintas "para salvagardar o interese público e condicionando que a produción de enerxía estea vinculada aos usos industrias das fábricas".
Ademais, para a autorización definitiva dos aproveitamentos hidráulicos en marzo de 1994 (cando o Grupo Villar Mir se fai co complexo industrial e as centrais), a Xunta de Galiza esixiu ao comprador un Plan de Viabilidade "que garanta a solvencia na explotación conxunta da explotación de enerxía eléctrica e ferroaleacións".
A noticia pública sobre as venda das plantas hidroeléctricas de Ferroatlántica parece confirmar que a verdadeiro interese do Grupo Villar Mir é "converter as centrais eléctricas, até agora destinadas finalistamente á provisión de enerxía ás fábricas de Cee e Dumbría, en meras produtoras de enerxía eléctrica para a súa especulación e venda no mercado".
Fronte a esta ruína, o Comité esixe á Xunta que manteña as condicións de non segregación das centrais e fábricas, xa que esta vinculación serviu de base á autorización administrativa para a explotación dos recursos naturais, de xeito que se preservara o seu interese público. Na mesma liña, a representación dos traballadores e traballadoras demanda un compromiso por parte da Xunta "de que en ningún caso ningún cambio de titularidade dese complexo industrial e enerxético suporá a súa segregación".
Contactos institucionais
Dende que se coñeceu publicamente a nova da venda, o Comité iniciou unha rolda de contactos institucionais para trasladar a incerteza que xera esta decisión entre o persoal e advertir das negativas repercusións que tería para a comarca.
Unha preocupación que comparten os membros do Pleno do Mancomunidade da Comarca de Fisterra (concellos de Fisterra, Cee, Dumbría, Corcubión e Muxía), tal e como así o trasladaron no encontro que o luns tiveron co Comité. Os membros da Mancomunidade amosaron o apoio ás reivindicacións dos traballadores e das traballadoras de Ferroatlántica, subliñando o importante impacto socioeconómico que suporía a segregación das centrais das fábricas de ferroaleacións.