Pactan unha suba salarial en Povisa para desbloquear a negociación do convenio
O hospital Ribera Povisa de Vigo e todos os sindicatos con representación no comité de empresa, entre eles a CIG, pactaron hoxe un acordo ponte para desbloquear a negociación do convenio colectivo que establece unha suba salarial do 2,5% para este ano e a ampliación da xornada laboral a todos/as aqueles/as traballadores/as aos que se lle reducira no seu día.
Dende a representación da CIG no comité de empresa consideran insuficiente o incremento de soldos, que ademais non contempla revisión salarial a final de ano, pero decidiron asinar o acordo para facilitar o desbloqueo das negociacións do convenio, tendo en conta que o cadro de persoal leva 12 anos coas condicións laborais conxeladas. Deste xeito, as conversas para renovar o acordo laboral retomaranse en maio.
Con todo, na central sindical valoran que o acordo contemple o compromiso por escrito da dirección de Povisa de que lle restituirá a xornada completa a todo o persoal á que se lle reducira no seu día. O pacto entre as partes tivo lugar a poucos días do inicio dunha folga indefinida, prevista para este luns día 25.