Comfica despide catro traballadores en Ourense que reclamaron o plus de incentivos do convenio do Siderometal
A empresa Comfica, subcontrata de Telefónica, vén de despedir catro traballadores en Ourense, un deles delegado sindical da CIG, que reclamaron o abono do plus de incentivos que figura no convenio colectivo provincial do Siderometal. Diante disto, a federación de Industria convocou unha protesta ás portas das instalacións de Telefónica na cidade este mércores día 10 ás 12:30 horas.
Dende a CIG-Industria informaran que a compañía non cumpría co regulamento do convenio a respecto do pago deste complemento, e os catro empregados/as solicitáronlle formalmente á dirección que o abonase. Ante a falta de resposta da empresa, de central sindical denunciou a situación mediante un comunicado e levou a cabo pegadas de cartaces reivindicativos.
“Mais agora, no canto de pagarlle o plus, o que fan é despedilos de maneira inxusta, de xeito que ademais de reclamar a nulidade das rescisións de contrato nos xulgados imos desenvolver mobilizacións”, explica o secretario comarcal da federación, Indalecio Gómez.
Dáse a circunstancia de que os afectados participaron na manifestación convocada pola CIG este Primeiro de Maio en Ourense, na que portaron unha faixa sobre aludindo á súa problemática, imaxe que foi publicada por algúns medios de comunicación locais. “Pois ben, os despidos fóronlles comunicados xusto tres días despois da manifestación”, sinala Gómez.
Por iso consideran que se trata dun caso de represión laboral e sindical, xa que un dos catro traballadores é ademais delegado da CIG. “Comfica vulnera o dereito á indemnidade (xa que o único que fixeron foi reclamar o pago do plus ao que teñen dereito) e o de liberdade sindical (foron despedidos tras o comunicado anunciando que iamos ao conflito e de que os fectados participasen no 1º de Maio cunha pancarta)”.