“Comfica culpable, Telefónica responsable!”
A CIG-Industria de Ourense mobilizouse este mércores para reclamar a reclamar a readmisión dos catro traballadores de Comfica, un deles delegado sindical da central sindical, despedidos por reclamar o abono do plus de incentivos que figura no convenio colectivo provincial do Siderometal.
Durante a concentración, que tivo lugar ao mediodía diante da sede de Telefónica na cidade, despregouse unha faixa e berráronse consignas como “despedidos readmisión” “Comfica culpable, Telefónica responsable”. Está previsto que as protestas continúen até que a empresa dea marcha atrás na súa decisión, e a seguinte está fixada para o vindeiro día 1 de xuño, cunha manifestación en Ourense do persoal de Comfica de todo o país.
Dende a CIG-Industria explican que a orixe do conflito foi cando a central sindical informou que a compañía non cumpría co regulamento do convenio a respecto do pago do complemento de incentivos, e os catro empregados agora despedidos solicitáronlle formalmente á dirección que o abonase. Ante a falta de resposta da empresa, a CIG denunciou a situación mediante un comunicado e levou a cabo pegadas de cartaces reivindicativos.
“Mais agora, no canto de pagarlle o plus, o que fan é despedilos de maneira inxusta, de xeito que ademais de reclamar a nulidade das rescisións de contrato nos xulgados imos desenvolver mobilizacións”, explica o secretario comarcal da federación, Indalecio Gómez.
Antes da mobilización a CIG-Industria celebrou unha asemblea de delegados/as na que se abrodou, entre outras cuestións, a problemática derivada da intención da empresa Revi de levar a cabo un descolgue de convenio.
Represión laboral e sindical
Dáse a circunstancia de que os afectados participaron na manifestación convocada pola CIG este Primeiro de Maio en Ourense, na que portaron unha faixa sobre aludindo á súa problemática, imaxe que foi publicada por algúns medios de comunicación locais. “Pois ben, os despidos fóronlles comunicados xusto tres días despois da manifestación”, sinala Gómez.
Por iso consideran que se trata dun caso de represión laboral e sindical, xa que un dos catro traballadores é ademais delegado da CIG. “Comfica vulnera o dereito á indemnidade (xa que o único que fixeron foi reclamar o pago do plus ao que teñen dereito) e o de liberdade sindical (foron despedidos tras o comunicado anunciando que iamos ao conflito e de que os fectados participasen no 1º de Maio cunha pancarta)”.