Comezan os paros parciais en Vitrasa tras rexeitar a empresa acordos sobre o convenio na mediación

Onte tivo lugar o primeiro, mañá desenvólvese o segundo, e nas vindeiras semanas haberá oito xornadas máis
Vigo - 21 Nov 2024

Tras dúas xornadas de mediación nas que a dirección de Vitrasa non foi capaz de realizar unha oferta que permitise desbloquear a negociación sobre o convenio colectivo, as mobilizacións reactiváronse onte en forma de paros parciais de 13:00 a 15:00 horas. As medidas de presión continuarán este venres 22 e os días 25 e 27 de novembro e 2, 3, 11, 12, 20 e 21 de decembro no mesmo horario.

Tal e como indican dende o comité de empresa, durante o primeiro día de reunión a concesionaria do transporte urbano do Concello de Vigo non presentou ningunha proposta nova a pesar de ter solicitado a mediación, “aludindo novamente ás perdidas de viaxeiros/as e a que o reequilibrio recibido por parte do Concello de máis de 18 millóns de euros non lle permite cubrir as perdas derivadas da pandemia”. 

A empresa insiste nunha suba salarial insuficiente e non atende as melloras sociais que reclama o cadro de persoal

Na segunda xornada a postura empresarial cambiou un pouco, abríndose a aumentar a proposta que xa fora rexeitada hai máis dun mes polo comité: un 0,5% de incremento salarial en 2025 a cambio de eliminar a prima de absentismo (sobre 350 euros por persoa traballadora).

“A parte deste mínimo incremento por parte da concesionaria, as melloras sociais que reivindican as persoas traballadoras non foron atendidas, pretendendo que o persoal estea dispoñíbel as 24 horas e un mínimo descanso na xornada de tan só 5 minutos cada 3 horas de condución, factores que empeoran notablemente as actuais condicións do persoal de condución e que influirían negativamente na seguridade dos viaxeiros/as”.

Nun último intento de desbloquear o conflito, o comité acabou solicitando un incremento do 0,9% sobre a oferta realizada pola empresa para este ano 2024, que foi negado pola dirección e que puxo punto final á mediación. “Este mínimo incremento solicitado polo comité suporía arredor de 135.000 euros de desembolso, cando a última achega do Concello é de 12 millóns de euros”.

Sen vontade de solucionar o conflito

Por iso dende o comité amósanse moi críticos/as coa postura da dirección de Vitrasa, “xa que a día de hoxe ademais de estar a perder máis dun 14% de poder adquisitivo e de deixarlle claro á empresa que renunciabamos a recuperar os salarios perdidos- o que supón un aforro de máis de 3,5 millóns de euros para Vitrasa polos anos 2021 a 2023- néganse a pechar un acordo por unha cantidade tan ínfima como 135.000 euros despois de recibir millóns. Quédanos claro que Vitrasa non pretendeu nunca solucionar este conflito”.

En consecuencia, fan un chamamento ao Concello de Vigo para a non renovación da concesión a unha empresa “que o único que quere é recortar un servizo esencial como é o transporte nunha cidade e engordar o seu peto a conta do diñeiro público e de empobrecer as persoas traballadoras”.

Doutra banda, denuncian que unha vez máis o Concello impón uns servizos mínimos abusivos para boicotear os paros e volve deixar os arrabaldes da cidade –“zona que máis necesita deste servizo esencial”- desatendido. E reiteran que seguen agardando unha resposta ás solicitudes de reunión realizadas ao alcalde.