Comezan as negociacións do persoal do 112 coa empresa a un mes do inicio da folga
A un mes do inicio da folga que comezou o pasado 15 de abril no 112, o Comité de Empresa saúda o inicio de negociacións con Telemark Spain SL grazas á intervención da Axencia Galega de Arbitraxe (AGA), que convocou unha primeira reunión para este xoves 18 de maio ás 11:00 na sede do Consello Galego de Relacións Laborais.
O comité de folga fala de “inicio de negociacións” dado que até o momento o único movemento da empresa consistiu en presentar unha oferta que a Asemblea do Persoal do 112 rexeitou por unanimidade. “Ningunha outra proposta alternativa foi proporcionada por parte de Telemark ao cadro de persoal desde entón”.
En todo caso, valoran positivamente o ofrecemento do director xeral de emerxencias, Luís Menor, para mediar entre a empresa e traballadores e traballadoras e agardan que “as súas palabras se convertan en feitos”.
Partida económica para minimizar os custes do traslado
Lembran ademais que o último encontro do Comité de Empresa coa Dirección Xeral de Emerxencias, o pasado 16 de febreiro, concluíu cando os representantes da Administración abandonaron a sala antes de que rematase a reunión. “A Xunta, que tiña asegurado contar cunha partida de diñeiro para permitir que o traslado resultase ‘o menos oneroso posible’ -en palabras de Luís Menor-, anunciou que a Administración autonómica non ía participar nas compensacións ao cadro de persoal polo traslado”.
A isto engaden que desde entón e até o inicio da folga se desenvolveron numerosas iniciativas públicas, por parte das e dos represnetantes do persoal do 112, destinadas a retomar o diálogo. Movementos que, denuncian, “a Xunta obviou, da mesma maneira que non deu ningún tipo de paso para, primeiro, evitar a folga e, despois, facilitar a súa resolución”.
Pagan as traballadoras e traballadores
O comité de folga denuncia que a Xunta de Galiza pretende que o custo do traslado diario ás novas instalacións o paguen os traballadores e as traballadoras do 112, o que implicaría gastos de máis dun 14% sobre o valor as súas nóminas. Unha situación que xa provocou que varios traballadores, con anos de experiencia, optaran por abandonar o servizo.
O persoal subliña que a distancia entre o vello centro de San Marcos e o novo da Estrada ascende a 32,4 kms e entende que “a participación da Xunta para resolver a folga resulta fundamental, co obxectivo de garantir tanto a validez como a continuidade dos acordos a tomar”.
O persoal do 112 considera que os trinta euros por mes que a empresa ofrece a cada traballador e traballadora “resultan insuficientes para compensar os gastos polos desprazamentos e o tempo perdido”. Así mesmo, sinlana que tanto Telemark como a Xunta, eran coñecedores de que “a outra alternativa que presentaron de cara á galería, o autobús, tiña sido rexeitada polo persoal do 112 desde o ano pasado, dado que non supón unha solución para a totalidade das persoas que xestionan a central de emerxencias no día a día”.
Continuidade da folga
Por iso a Asemblea de Traballadores e Traballadoras do 112 prepara vías alternativas de financiamento para asegurar a continuidade da folga o tempo que sexa necesario. “Mantemos a vontade de diálogo que sempre defendemos e agardamos das outras partes en conflito a mesma disposición. Manifestamos desde o inicio das negociacións coa Xunta e reiteramos agora que non estamos dispostos a perder poder adquisitivo por un traslado caprichoso que a Administración ordenou contra a vontade do cadro de persoal”, conclúen.