
Avanza a recollida de sinaturas por un Sistema Público Galego de Atención ás Persoas

A campaña de recollida de sinaturas para levar ao Parlamento de Galiza, a través dunha Proposición non de Lei de Iniciativa Popular, a demanda de creación dun Sistema Público Galego de Atención ás Persoas está xa en marcha. Podedes asinar nos locais da CIG.
A pandemia da Covid-19 evidenciou o carácter esencial dos coidados, o insuficiente investimento público nos servizos de atención e as ruindades do modelo de xestión privada promovido polo PP na Xunta.
Puxo de manifesto tamén as carencias de persoal e material; a falla de protocolos homoxéneos de funcionamento; os abusos patronais e os importantes niveis de explotación e precariedade existentes –e que teñen unha clara compoñente de xénero–tanto nos servizos de axuda no fogar como nas residencias da terceira idade e de persoas con discapacidade.
A recollida de sinaturas está posibilitando achegar á poboación galega a importancia do sector de coidados e a problemática que padece quen desenvolve o seu labor neste ámbito.