Comeza a folga indefinida en IKF da Guarda ante a deixadez da Xunta no conflito
O cadro de persoal de IKF, compañía dedicada á fabricación de materiais refractarios con sede na Guarda, iniciou hoxe unha folga indefinida despois de que a dirección confirmase que non renuncia a prolongar a dobre escala salarial e que actualizará os soldos en base ao convenio estatal, vulnerando o pacto de empresa. Dende a CIG-Construción denuncian a deixadez de función tanto da Xunta como da autoridade laboral, que tras 35 días de paros continúan sen obrigar a IKF -que rexeita a mediación- a sentarse para solucionar o conflito laboral.
A decisión de comezar a folga indefinida adoptouse onte despois de que o director de recursos humanos no Estado español da transnacional francesa propietaria de IKF lles trasladase en asemblea aos traballadores/as que non dan marcha atrás nas súas pretensións de precarizar as condicións laborais. En consecuencia, ás 6:00 de hoxe iniciábase un paro indefinido que foi secundado -como en xornadas anteriores- por 53 dos 55 empregados/as de produción. Entre as dúas persoas que non se suman á folga atópase o delegado de CCOO no comité de empresa.
Dende a CIG-Construción critican que a empresa estea a rexeitar a mediación para poñer fin ao conflito, ao tempo que denuncian que nin a Xunta nin a autoridade laboral exerzan as súas competencias e a obriguen a sentarse. Lembran que se trata dunha compañía con 125 anos de historia nunha zona desindustrializada como a comarca do Baixo Miño, polo que ten un importante peso no emprego e na economía local. “O Goberno galego fai unha deixadez absoluta, pregándose unha vez máis aos intereses das grandes corporacións, a pesar de que ten competencias en material laboral”, lamentan.
A dobre escala, "unha aberración"
De igual xeito, censuran o comportamento dos medios de comunicación públicos como a TVG, que oculta a loita dos traballadores/as a pesar do importante peso que a empresa ten na comarca “e o xusto das súas reivindicacións”. Unhas reivindicacións que segundo sosteñen seguramente non serían necesarias no caso de que se tivesen derrogado as reformas laborais que permiten que as empresas se descolguen dos convenios propios. Ademais, insisten en que a dobre escala salarial “é unha aberración” que incumpre a lexislación laboral e no feito de que a compañía pretenda ampliar a xornada ás fins de semana, vulnerando a Lei de Igualdade.
En canto á dobre escala salarial explican que a dirección de IKF trasladoulle ao comité de empresa, presidido pola CIG, unha nova proposta que contempla dúas posibilidades: ou mantela durante seis anos ligada a unha serie de obxectivos ou ben que estea vixente 10 anos, nos que os salarios irían aumentando un 10% cada ano. “Isto traduciríase en que durante unha década convivirán traballadores/as na empresa facendo o mesmo labor e cobrando distintos salarios”. Por iso o cadro de persoal rexeitou as propostas e optou por iniciar a folga indefinida.