Colombia na OTAN: o cabalo de Troia en América Latina
A Colombia foille entregada a chave para o control xeopolítico da rexión (con especial fincapé en Venezuela) e para o disciplinamento da disidencia social. Nalgún momento os estrategos do Pentágono comprenderon que non debe repetirse a historia recente, cando a acción popular botou abaixo unha ducia de gobernos aliados de Washington
O ingreso de Colombia á OTAN concretouse o pasado 31 de maio e ten por obxectivo controlar a rexión. Desde o punto de vista xeopolítico é a porta de ingreso de EUA en Sudamérica para desestabilizar Venezuela, mais tamén para disciplinar os movementos populares.
É o único país de América Latina que asume o papel de "socio global" da Alianza Atlántica o que o coloca como aliado privilexiado dos países do Norte xunto a Afganistán, Australia, Iraq, Xapón, República de Corea, Mongolia, Nova Zelandia e Paquistán.
Aínda que Colombia non sexa membro pleno da OTAN, xa que non pertence á rexión do Atlántico Norte, xogará un papel importante na cooperación militar e nas tarefas que lle asignen os países máis poderosos do mundo.
Desde o punto de vista xeográfico, Colombia ocupa un lugar privilexiado ao ser o único país sudamericano que ten costas no océano Pacífico e no Caribe. Ten fronteiras porosas con Venezuela, ademais de lindar con Ecuador e Brasil.
Por iso Colombia xoga un papel central na estratexia de EUA para a rexión. Nicholas Spykman (1893-1943), o teórico xeopolítico que tivo maior influencia sobre a política exterior de Estados Unidos no século XX, consideraba que os países caribeños, incluíndo Colombia e Venezuela, formaban unha zona de influencia onde "a supremacía de Estados Unidos non pode ser cuestionada".
Esta é unha das razóns polas cales os países máis ricos do mundo decidiron que Colombia debe ingresar tanto na OTAN como na OCDE, e facelo de xeito simultáneo, outorgando un cheque en branco á elite dese país na cal parecen confiar plenamente.
A segunda razón é de carácter militar. Segundo o ranking da revista Military Power Review, as Forzas Armadas de Colombia deron un salto na rexión sudamericana pasado do quinto ao segundo lugar, só detrás de Brasil, "impulsada pola importante asistencia militar dos Estados Unidos para o combate ao narcotráfico, con énfase na intelixencia, modernización e profesionalización das súas Forzas Armadas".
En paralelo, o orzamento militar de Colombia é con moita diferenza o maior da rexión, segundo o "Balance Militar de América do Sur 2017", publicado por Nueva Mayoría.
Bogotá dedica o 3,4% do PIB anual á defensa, fronte ao 1,3% de Brasil e o 1% de Arxentina para 2016. Se se mide o gasto militar en porcentaxe do orzamento da nación, Colombia dedica nada menos que o 15% fronte ao 7% de Ecuador e o 6% de Venezuela.
A ese enorme gasto hai que sumar a axuda en equipos de Estados Unidos. Pero o que as coloca como as primeiras Forzas Armadas do continente é a súa capacidade de operación sobre o terreo. A longa guerra contra as guerrillas, en particular as FARC, proporcionoulles unha ampla experiencia e capacidade de combate na acción directa, algo que non sucede coas Forzas Armadas dos demais países da rexión, que non enfrontan serios combates desde hai polo menos tres décadas (a guerra das Malvinas en 1982 enfrontou a Arxentina con Gran Bretaña, cunha estrepitosa derrota da primeira).
A terceira cuestión que explica a opción do Norte por Colombia ten a ver coa súa longa experiencia no control dos movementos populares. O país foi un laboratorio de neutralización da protesta social, que foi acoutada por unha hábil combinación de represión, infiltración e cooptación. De feito Colombia é o único país sudamericano onde a vella oligarquía da terra e a cruz segue dominando desde a independencia, hai xa douscentos anos.
Polo visto, o papel asignado é o de exportar o modelo de utilización do narcotráfico para enfrontar os movementos populares co menor custo político e de lexitimidade para as Forzas Armadas.
O xeneral Óscar Naranjo, actual vicepresidente, foi xefe de Policía de Colombia e asesor de seguridade do presidente mexicano Enrique Peña Nieto desde 2012 até a súa volta a Bogotá en 2014.
Naranjo é considerado o "mellor policía do mundo" por desarticular os cárteles de Cali e Medellín, e por dirixir en 1993 a operación que terminou coa vida de Pablo Escobar. Porén, foi acusado en Colombia de manter relacións directas con xefes do narcotráfico, cos que adoitaba manter relacións fluídas, segundo a páxina da xornalista Carmen Aristegui.
O xornalista e investigador Carlos Fazio preséntao deste xeito: "Graduado en montaxes mediáticos e outros trucos sucios, Naranjo, home da Axencia Antidrogas Estadounidense (DEA) e produto de exportación de Washington para o subcontinente, ten unha orde de arresto por asasinato, emitida por un tribunal de Ecuador, e foi incriminado polos seus nexos co ex capo do Norte do Val, Wílber Varela, no xuízo que se ventila actualmente na corte do distrito Leste de Virxinia, Estados Unidos".
Por iso Fazio o define como "un dos arquitectos da actual narcodemocracia colombiana" que se caracteriza por unha fachada electoral, que denominan democracia, combinada coa guerra sucia contra os movementos populares.
A "colombianización" de México ten como resultado o asasinato de máis de 200.000 persoas e a desaparición de 40.000 na chamada guerra contra o narcotráfico que é en realidade unha agresión sen precedentes contra os sectores populares organizados, as mulleres pobres e os pobos orixinarios.
En síntese, a Colombia foille entregada a chave para o control xeopolítico da rexión (con especial fincapé en Venezuela) e para o disciplinamento da disidencia social. Nalgún momento os estrategos do Pentágono comprenderon que non debe repetirse a historia recente, cando a acción popular botou abaixo unha ducia de gobernos aliados de Washington nas décadas de 1990 e 2000, abrindo fendas polas que chegaron ao goberno forzas políticas contrarias aos Estados Unidos.
[Artigo tirado do sitio web La Haine, do 7 de xuño de 2018]