"Colgamos os cascos porque queremos traballar en Atento en condicións dignas e sen ter que enfermar"
As traballadoras e os traballadores de Atento proseguen este luns coas mobilizacións para esixir unhas condicións laborais dignas e que se respecten os seus dereitos. O persoal está secundando paros laborais de unha hora por quenda de traballo, tempo no que se desenvolven concentracións diante das oficinas de Atento na rúa Juan Florez.
Esta xornada de mobilizacións súmase ás que veñen realizando as traballadoras e traballadores os luns de cada semana, dende o pasado 28 de maio. Porén, e a pesar do éxito dos paros, folgas e concentracións, "a dirección da empresa en vez de tentar mellorar as cousas dedicouse a facer tempo e a seguir dándonos motivos para a protesta: máis despedimentos improcedentes, máis despedimentos polo Art.52D do ET, ameazas e posterior imposición de vacacións, etc., recorrendo a súa técnica habitual de meter medo", subliña o comité.
Así as cousas, non foi até hai dúas semanas que a empresa comezou a manter reunións co comité, mais cunha escasa vontade negociadora e sempre negando a existencia de problemas laborais no centro de traballo da Coruña. A tal punto, explica a sección sindical da CIG, que "pretenden que facernos crear que as reivindicacións trasladadas polo comité non son as do conxunto dos/as traballadores/as, e teñen a cara de explicarnos que o que pasa non é motivo para saír á rúa".
Escasa vontade negociadora
Ademais, dos oito puntos que ten a plataforma reivindicativa da representación social, "din non a case todo: que seguirán os despedimentos polo art.52 (é dicir, por dúas baixas de curta duración nun ano) e os despedimentos improcedentes; negan que haxa conflito pola imposición das vacacións; que non é viábel dar tempo entre chamadas, e tamén dar tempo administrativo para xestións; negan que haxa presión dos datos; e só aceptaron falar coa mutua, pero para que lles confirme que usan procedementos legais".
A empresa aceptou mellorar a formación nalgún departamento para novos produtos, "pero esta é unha formación que xa tiñan que facer, impedindo así que se nos dea ningunha outra formación no 2018", critica a sección sindical.
Á espera da xuntanza que terá lugar o vindeiro venres coa dirección e diante da ausencia de propostas que dean resposta ás demandas do persoal, os traballadores e traballadoras continúan este luns cos paros e as concentracións "porque queremos poder traballar en condicións dignas e sen ter que enfermar".