Colectivos e organizacións sociais poñen en marcha unha campaña contra a Lei de Fomento Empresarial

Anuncian concentracións o 6 de outubro diante do Parlamento de Galiza e o día 22 en Compostela
Nacional - 27 Set 2017

Máis de 20 colectivos e organizacións sociais, entre elas a CIG, presentaron esta mañá unha campaña informativa e de mobilizacións contra a Lei de Fomento da Implantación de Iniciativas Empresariais en Galicia que pretende sacar adiante o Partido Popular coa maioría que ten no Parlamento Galego. Entre outras accións anunciaron a convocatoria dunha concentración diante do Parlamento de Galiza o día 6 de outubro e outra tamén en Compostela o día 22.

Os colectivos e organizacións sociais denuncian desde a súa tramitación “pola porta de atrás”, ao recorrer á vía de urxencia, até a súa natureza, xa que se aproveita para introducir profundas modificacións lexislativas en normas como a Lei de Minaría, a Lei Eólica, a Lei de Patrimonio, a Lei de Montes e mesmo a Lei de Cooperativas, entre outras.

Xunto a isto alertan das graves consecuencias que terá a súa aplicación polo seu contido xa que so pretexto de reducir o que se consideran “trabas” administrativas, o que se fai é reducir até a mínima expresións as xa cativas limitacións existentes para protexer o noso medio ambiente, patrimonio ou os intereses sociais.

De feito, subliñaron que se até o de agora os informes preceptivos podían impedir a instalación dunha industria de calquera natureza polo seu impacto negativo, agora aínda que eses informes sexan contrarios, se o criterio da consellaría de Industria é outro, o proxecto pode seguir adiante.

A este respecto aseguraron que, de facto, con esta lei convértese á consellaría de Industria no organismo con máis poder do goberno galego, só por debaixo do Consello da Xunta.

Opacidade

Os colectivos e organizacións sociais denuncian tamén a opacidade que rodea esta norma que permite que haxa proxectos exentos da obrigatoriedade de información pública. Apuntan ademais que as empresas serán quen determinen o que é segredo industrial nas súas explotacións e que se reduce o tempo para mirar os expedientes. Isto ademais de evitar o control dos concellos e reducir a súa capacidade de decisión sobre aqueles proxectos que Industria determine como de interese estratéxico.

Depredación e destrución ambiental

Esta lei, segundo explicaron, promove a desregulación do aproveitamento eólico, da minaría, dos Montes e mesmo o incumprimento da normativa ambiental europea.

De feito a industria extractiva queda sen apenas regulación: acúrtanselle os prazos para os controis administrativos; terá que pasar menos controis ambientais, de patrimonio ou de augas, entre outros, e mesmo se dificulta a participación cidadá.

O mesmo ocorre cos aproveitamentos eólicos que tamén se desenvolverán en prazos máis curtos; tampouco terán en conta os criterios ambientais para escollelos; terán facilitada a expropiación forzosa de terras e poderán pasar mesmo por enriba dos dereitos das persoas propietarias dos terreos.

Para iso favorécese o acaparamento de terras, desregúlanse os montes, pasando por enriba dos dereitos dos seus propietarios/as; poderán ser expropiados antes da aprobación do proxecto e se non hai informe de Augas abondará co que diga a empresa.

Eucaliptización

Mentres en Portugal vén de abrirse un debate sobre as consecuencias da eucaliptización e sobre a necesidade de reducila, denunciaron que en Galiza, por medio desta lei se farán innecesarias as autorizacións para eucaliptos, abondará cunha declaración responsábel e terá prioridade sobre as limitacións establecidas na Rede Natura, xa que non precisarán autorización da Administración. Isto ademais de pór en perigo até os bens patrimoniais.

Isto constata, ao entender destes colectivos e organizacións sociais que se deixa a xestión da madeira en mans dos grandes operadores, como Ence, que ademais de non precisar autorización tampouco necesitarán informe de Patrimonio.

#LeiDepredacióndeGaliza

A campaña e as mobilizacións desenvolveranse baixo o lema “#LeiDepredaciónGaliza porque entende que pon ao noso país á altura de “Ghana” ou de “Marrocos” ofrecendo o noso territorio para implantar todo tipo de iniciativas empresariais sen ter en conta os custos derivados, quer no noso medio ambiente, no noso patrimonio ou sociais. Unha lei que implanta un modelo industrial de tipo colonial e que esquece sequera favorecer, tal e como explicou a representante da CIG, Susana Méndez, que se rematen en Galiza os ciclos produtivos ou apoiar o noso propio tecido industrial.

COLECTIVOS: A Ría non se Vende, Adega, CS A Revolta, CS Faísca, CIG, Comisión contra as Minas na Terra Chá, Comunidade de Montes de Cabral, contraMINAcción, Galiza Contrainfo, Galiza Non Se Vende, Gentalha do Pichel, Luita Verde, Organización Galega de Comunidades de Montes, Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños, Sindicato Labrego Galego, Terra Chá Sostible, Verdegaia e Véspera de Nada.