Coinba queda finalmente en Vilaxoán e manterá todos os postos de traballo
Fixeron falta moitos meses de loita, de xestións e de reunións para que a Compañía Industrializadora de Bacalao (Coinba) manteña a súa actividade en Vilaxoán, no concello de Vilagarcía, e conserve todos os postos de traballo. Isto será posíbel grazas ao acordo de compra co grupo Vinova que se produciu grazas á colaboración das traballadoras/es coa maioría dos accionistas e co administrador concursal.
Dende a FGAMT-CIG do Salnés acolleron con satisfacción un acordo que permitirá manter unha compañía con máis dun século de historia, sobre todo nun contexto no que a nivel galego se están a deslocalizar moitas empresas, nun proceso de desmantelamento industrial. “Ademais, neste caso estamos a falar da única fábrica que queda en Vilaxoán, unha localidade coñecida tradicionalmente polas súas empresas de salgadura”, sinala Rosa Abuín.
Estamos a falar dunha fábrica con máis dun século de historia e da única que queda en Vilaxoán
Por iso considera de especial importancia o traballo feito polas traballadoras/es xunto coa maioría dos accionistas e co administrador concursal. En canto ao proxecto industrial do grupo que vai mercar Coinba, salienta que “non pasa só por manter os actuais postos de traballo, senón que ten unha estratexia para crecer e poder ampliar o cadro de persoal”. Coinba emprega na actualidade a 18 traballadoras/es estábeis, aínda que nas épocas de maior produción esta cifra elévase até as 25.
A central vén reclamando dende o inicio dos problemas na empresa un novo proxecto industrial que garantise a supervivencia da compañía e o mantemento de todos os empregos. En marzo denunciaran publicamente a propia entrada en concurso de acredores, xa que “se trata dunha empresa cunha débeda non demasiado importante -arredor de 400.000 euros- e que conta cuns terreos de 9000 metros cadrados en propiedade”.
Medidas de presión
Precisamente a existencia destes terreos, en primeira liña de praia, fixo que detrás da operación sobrevoase a sospeita dun “pelotazo urbanístico”. Tamén criticaran que a Seguridade Social procedese ao bloqueo das contas da empresa con posterioridade ao auto de entrada en concurso de acredores, polo que instaron o organismo estatal a corrixir esta “irregularidade” para garantir que o cadro de persoal puidese cobrar os seus salarios e a empresa tivese liquidez para seguir operando.
Mais as contas seguiron bloqueadas, polo que días despois decidiron acceder á oficina da Seguridade Social de Vilagarcía e aseguraron que permanecerían no seu interior até que se solventase a situación. “Con esta medida de presión logramos que dende a oficina se comunicasen coa unidade territorial da Estrada, que procedeu ao desbloqueo”, explica Abuín. Agora pechan o círculo anunciando a adquisición da empresa e o mantemento da actividade industrial e dos postos de traballo.