Cogal e Servicarne presionan os falsos autónomos para que pidan a baixa no réxime xeral da Seguridade Social
A empresa Conejos Gallegos (Cogal) e a falsa cooperativa Servicarne están a presionar os traballadores/as autónomos/as para que soliciten a baixa voluntaria no réxime xeral da Seguridade Social unha vez que o organismo os deu de alta despois de constatar -tras as denuncias da CIG- que desenvolven o seu labor na empresa como falsos/as autónomos/as dependentes, o que supón fraude na contratación.
Mediante o envío de cartas como á que tivo acceso esta central, Cogal -empresa cárnica con sede na localidade pontevedresa de Rodeiro- e a falsa cooperativa catalá Servicarne están a intentar que o persoal autónomo dependente renuncie aos seus dereitos laborais, xa que pretenden que baixo a figura de falso/a autónomo/a traballen sen horario establecido, non dispoñan dun salario fixo (cobran por hora ou por peza manipulada), estean sometidos/as a ritmos de produción salvaxes (que provocan enfermidades profesionais que non lles son recoñecidas) e non teñan dereito a vacacións nin a prestacións por baixa laboral ou accidente de traballo.
Na CIG consideran que estas condicións laborais representan “a escravitude do século XXI” á que están sometidos/as milleiros de traballadores/as en todo o Estado español. Diante disto, a central iniciou hai xa varios anos unha campaña de denuncia desta situación, centrándose especialmente en atacar a actividade da falsa cooperativa Servicarne, que cede man de obra ás principais empresas cárnicas.
Denuncias da CIG
Como consecuencia das denuncias presentadas diante da Inspección de Traballo por fraude na contratación, a Seguridade Social comezou a dar de alta no réxime xeral aos 5000 empregados/as que esta cooperativa ten en territorio estatal, arredor dun milleiro no noso país.
A reacción das empresas afectadas non se fixo agardar: Frigolouro -compañía do Porriño pertencente á cooperativa ourensá Coren- optou por dalos/as de baixa do réxime xeral. Agora Cogal vai máis alá e pretende que sexan eles/as mesmos/as os que comuniquen a súa renuncia “como traballadores/as por conta allea” e que recoñezan “que non manteñen vínculo laboral coa empresa”.
Dende a CIG reclámanlle ás compañías o cese inmediato dunha actitude que consideran “intolerábel”, sobre todo tendo en conta que Cogal ten recibido importantes subvencións públicas da Xunta de Galiza. “Non coñecemos a ningún traballador/a que estea disposto a renunciar de xeito voluntario aos seus dereitos laborais, tal e como pretenden facer crer estas empresas”, rematan.