"Coa derrogación da reforma laboral e cunha tarifa industrial estábel non teríamos que pelexar hoxe polo futuro de Alcoa"
Como cada tarde dende hai tres semanas, os traballadores e as traballadoras de Alcoa saíron hoxe á porta da fábrica para amosar o seu rexeitamento ás pretensión da multinacional de pechar as instalacións e despedir a 367 empregados/as, asestando un duro golpe á industria da comarca da Coruña e a un sector estratéxico para Galiza como o do aluminio. O tempo corre na contra, e por iso a sección sindical da CIG en Alcoa urxe os gobernos español e galego a implementar xa unha tarifa industrial estábel e predicíbel, que recoñeza o estatus deste tipo de industrias electrointensivas.
Este martes, o persoal marchou dende a fábrica até o centro comercial Marineda City, levando as súas reivindicacións até o interior do edificio principal. Alí os traballadores e as traballadoras recibiron a solidariedade, en forma de calorosos aplausos, das persoas que neses momentos estaban na área comercial. Para o próximo sábado, 17 de novembro, teñen convocada unha concentración na Praza de María de Pita, ás 12:00 horas, na que animan a toda a cidadanía da comarca a participar.
Derrogación da reforma laboral
"Sen a reforma laboral do PP non estaríamos nesta situación, porque a administración tería capacidade para desautorizar o ERE. Pero coas facilidades introducidas polo PP, agora estamos á expensas do que quere Alcoa. Por iso, a negativa do PSOE a derrogar a reforma laboral, a pesar de así o ter comprometido cando estaba na oposición, parécenos unha vergoña", criticaba Julio Moskowich, membro do comité pola CIG, antes da protesta.
Esta negativa a derrogar a reforma laboral reviste maior gravidade tras as declaracións da ministra de Traballo, Magdalena Valerio, afirmando que hai poucas opcións de paralizar o expediente de despedimento colectivo. "Que o Goberno ten unha marxe de manobra limitado xa o sabemos, pero si que pode emitir recomendacións e informes desfavorábeis e presionar a empresa", sinala Moskowich.
Neste senso lamentou as palabras da ministra rexeitando a posibilidade de nacionalizar a empresa 'porque non estamos nun réxime comunista', a pesar de que estamos a falar dun sector como o aluminio, estratéxico para a economía galega. "Non existiron esas reticencias nin houbo problema cando se rescatou a banca e se 'nacionalizaron' as perdas, de maneira que o conxunto da cidadanía tivemos que asumir os custos da especulación financeira. Aquí non estamos falando de asumir perdas, estamos falando de recuperar para o público unha empresa nun sector estratéxico, plenamente operativa e que dá beneficios", afirma.
Nesta liña, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, lembra que Alcoa estivo no seu día, como INESPAL, no sector público e que “se Alcoa persiste na súa idea de pechar, sería na SEPI o lugar axeitado onde esta empresa tería que reincorporarse”.
Tarifa industrial estábel e predicíbel
Dende a sección sindical reiteran que os gobernos non poden permitir o peche das plantas de Alcoa e urxen alternativas para evitar o cese da actividade produtiva. Sobre isto sinalan que o gran problema desta fábrica non está nin no prezo da materia prima nin na suposta obsolescencia das instalacións, tal e como alega a multinacional, senón "que o noso problema é o prezo da enerxía, que supón até o 40% dos custes totais de produción". "Esta fábrica estaría dando beneficios se tiveramos un prezo da electricidade competitivo, como teñen noutros países de Europa", asegura Moskowich.
Porén, até o momento nin o Goberno español ten manifestado a vontade, nin dende a Xunta se ten solicitado iniciar unha reforma do sistema eléctrico que garanta un prezo estábel e con variacións predicíbeis para industria electrointensiva e que contemple a enerxía como un servizo básico e non un ben de consumo calquera. De feito, a única medida anunciada até agora polo Executivo de Pedro Sánchez refírese á convocatoria da poxa da interrompibilidade, como xa era previsíbel, que se fará nas mesmas condicións que a última poxa realizada polo Goberno de Mariano Rajoy.
Dende o ano 2014, cando Alcoa puxera enriba da mesa un ERE de extinción que finalmente retirou, este sistema de adxudicación de electricidade bonificada non só non mudou, senón que mesmo empeorou, xa que agora a súa vixencia é de tan só seis meses. Cando o PP realizou a última poxa no mes de maio xustificou esta escasa duración para darse unha marxe na que desenvolver un novo marco regulador. "Mais pasaron os seis meses e agora nos atopamos co mesmo sistema e polo mesmo tempo. É dicir seguimos co problema da enerxía sen resolver", lamenta o representante do persoal.
A pesar das pretensións de pechar, Alcoa ten anunciado xa que concorrerá a este proceso coas súas tres fábricas (A Coruña, San Cibrao e Avilés).
O papel dos poderes públicos na regulación do sistema eléctrico
Sobre o marco regulador da enerxía, Paulo Carril, defende que “os poderes públicos e a Xunta de Galiza teñen que xogar un papel fundamental” para “evitar que o oligopolio das eléctricas provoque, como está a ocorrer, peches de empresas; que non se poida utilizar a nosa enerxía para a industrialización e xeración de emprego, nun país tan necesitado como o noso, evitando así que a emigración sexa o noso futuro laboral, e para garantir o benestar social dos galegos e galegas”.
A CIG leva anos presentando iniciativas nesta mesma liña, como a ILP para unha tarifa eléctrica galega ou a máis recente proposta de creación dunha tarifa industrial estábel, con variacións predicíbeis, á que se poidan acoller as empresas electrointensivas, baixo o cumprimento dunha serie de requisitos (entre os cales está o mantemento do emprego) e que recoñeza o estatus específico deste tipo de industrias grandes consumidoras de enerxía. Xunto a estas iniciativas, e central vén de rexistrar unha ILP para recuperar os saltos e aproveitamentos de auga de Galiza para o sector público.
Resulta insólito e surrealista que un país como o noso, espoliado nos seus recursos enerxéticos, que exporta máis do 40%, vexa en risco os postos de traballo polos custos da enerxía.