Clece terá que aplicar un incremento salarial do 3,7% ao persoal do Souto de Leixa de Ferrol
A empresa Clece, que xestiona o Centro de Atención a Persoas con Discapacidade Souto de Leixa, en Ferrol, terá que abonar ao seu persoal un incremento do 3,7% sobre o seu salario en concepto de complemento de desenvolvemento profesional. Así o determina a sentenza do Tribunal Superior gañada pola CIG-Ensino, que anula o recurso de casación interposto pola empresa contra unha resolución anterior do TSXG.
Dende a CIG-Ensino explican que esa sentenza previa condenaba a Clece a pagar un incremento do 3,7% por non ter feitos a catalogación dos postos de traballo e a avaliación respectiva necesaria “en tempo e forma como se indicaba no XIV convenio colectivo deste tipo de centros”.
Pola contra, denuncian, a empresa aplicoulles un incremento do 1.9%, que é a contía cando a avaliación se fai cada 2 anos. “Como a empresa non fixo os deberes correctamente, a sentenza obrígaa a pagar a diferenza a todos e cada un dos traballadores e traballadoras que están recibindo este complemento salarial de xeito incompleto, saltándose as disposicións que para os efectos figuran no convenio aplicábel”, explica a secretaria comarcal de Ensino, Antonia Martínez.
Dende a CIG-Ensino de Ferrolterra felicitan a todo o persoal do Souto de Leixa por este logro “tan necesario para os seus salarios e para a súa dignidade profesional”, e agradecen a súa espera, xa que a sentenza do TS pecha dous anos de litixio. A central sindical subliña que con loita e con decisión “podemos ser capaces de reverter todas aquelas situacións de inxustiza laboral e precariedade laboral que nos atopamos día a día. E para nós como sindicato é unha inxección de ánimo e de moral para seguir na loita polas melloras sociais e laborais”.