Clase e nación na análise de Samir Amin

Manuel Mera -

Respecto das diverxencias evidentes entre as potencias da tríade (Estados Unidos, Unión Europea e Xapón), Amin afirmaba que eran secundarias, xa que a súa unidade se baseaba no interese común de oprimir e explotar os países dependentes (a esta altura esta valoración está máis que confirmada)

 Samir Amin foi un dos pensadores marxistas máis importantes das pasadas décadas. Era considerado por sectores moi amplos da esquerda antisistémica como un autor obrigado para entender a problemática dos países periféricos e perfilar as vías para a súa emancipación. Amin naceu no ano 1931 na cidade do Cairo, de pai exipcio e nai francesa, e morreu en París no ano 2018. Era economista e publicou unha morea de libros e artigos, e deu numerosas conferencias. Tamén estivo no noso país, participando da Semana Galega da Filosofía no ano 2011.

 Entre os seus moitos méritos está o de ser un dos impulsores do Foro Social Mundial (FSM), do que se realizou o primeiro evento no ano 2001, e que tiña un carácter claramente antiglobalización, ao que asistín, así como aos posteriores, primeiro en representación da CIG e despois de FESGA. Sería no marco do segundo encontro da FSM en Porto Alegre, Brasil, onde a filosofa e investigadora arxentina Isabel Rauber me presentou a Samir Amin. Daquela xa tiña lido varios libros del, como: “Sobre el desarrollo desigual de las formaciones sociales” (Anagrama; 1974) ou “Los desafíos de la mundialización” (Siglo Veintiuno; 1997). E artigos del en revistas como “Cadernos do Terceiro Mundo” e “Pasado y Presente XXI”.

 Samin Amin tiña unha visión dende a periferia, e aplicaba o marxismo como unha ferramenta interpretativa unida a este contexto, e ligada á rica teoría da dependencia, á cuestión nacional. Comprendía e daba resposta á interdependencia entre explotación e opresión, clase e nación. A este respecto dicía: “A soberanía de quen? Esa é a pregunta. fomos afeitos a través da historia a coñecer o que se denominou como a soberanía nacional, a estabelecida pola burguesía dos países capitalistas, polas clases dominantes para lexitimar a súa explotación, en primeiro lugar sobre os seus propios traballadores, pero tamén para fortalecer a súa posición na competición cos outros nacionalismos imperialistas. É o nacionalismo burgués. Os países da tríade imperialista nunca coñeceron até o momento máis nacionalismo que ese. Pola contra, nas periferias coñecemos outros nacionalismos, procedentes do desexo de afirmar unha soberanía antiimperialista, traballando contra a lóxica da globalización imperialista do momento(...) Falamos doutra soberanía. Unha soberanía popular, en oposición á soberanía nacionalista burguesa das clases dominantes. Unha soberanía concibida como un vehículo de liberación, facendo retroceder a globalización imperialista contemporánea. Un nacionalismo antiimperialista, xa que logo, que nada ten que ver co discurso demagóxico dun nacionalismo local que aceptaría inscribir as perspectivas do país integrándoo na globalización, que considera ao veciño máis débil como o seu inimigo”(1).

 A interpretación que fixo das potencias hexemónicas e do capitalismo é sumamente clara, sen concesións: “O carácter parasitario, cada vez máis marcado, do imperialismo colectivo da tríade, sen nada que ofrecer ao mundo (representado pola maioría), e dos Estados Unidos, punta de diamante deste imperialismo, representa un signo de senilidade do sistema(...) a senilidade únese a un novo desenvolvemento da violencia, concibida como último recurso para perpetuar o sistema”(2). A definición como senil do capitalismo semella moi acertada, e deixa claro que xa non pode ofrecer un proxecto de futuro capaz de engaiolar con falsas promesas a maioría social. Daquela que teña características máis agresivas e represivas como amosa a escalada da confrontación coas potencias emerxentes ou países que afirman a súa soberanía. Sintetizaba que “a intervención sistemática dos EEUU repousaba sobre tres principios: a substitución brutal da ONU pola OTAN, como medio de xestión da orde internacional; o aliñamento de Europa cos obxectivos estratéxicos de Washington; a elección de métodos militares para reforzar o hexemonismo norteamericano (bombardeos sen risco e uso de tropas europeas ‘cipaias’ de cara a unha eventual intervención sobre o terreo)”(3). Respecto das diverxencias evidentes entre as potencias da tríade (Estados Unidos, Unión Europea e Xapón) afirmaba que eran secundarias, xa que a súa unidade se baseaba no interese común de oprimir e explotar os países dependentes (a esta altura esta valoración está máis que confirmada)(4). Amin apostaba pola paz, pola solidariedade, por un mundo multipolar.

 Son igualmente valiosas neste intre as súas reflexións verbo de China, potencia emerxente e segunda economía do mundo (en PIB por capacidade de merca, produción industrial e comercio exterior é a primeira). Coida Amin que o seu rápido crecemento non se pode considerar un mérito exclusivo do investimento exterior, xa que outros países fixeron ofertas máis atractivas ao capitalismo e non conseguiron iguais resultados, “o capital multinacional non construíu o sistema industrial chino, nin desenvolveu a urbanización e realización de infraestruturas”(5). É unha valoración a termos en conta cando caracterizamos esta potencia. Respecto do futuro albiscaba máis dun escenario posíbel, que dependería da repolitización da sociedade, do control polo Estado da economía, do protagonismo das clases populares, e de resolver a burocratización do Partido Comunista. Todo indica que era unha análise critica e correcta, tanto que hoxe son temas que centran o debate do PCCH.

 En resumo: Samir Amin fálanos da economía vencellada ás condicións sociais, ao contexto político e ao poder, analiza a súa evolución, as forzas actuantes, o estado de ánimo e da conciencia da xente, e da folla de ruta. Son reflexións para acción, non só aplicábeis na periferia máis extrema, nin teñen como obxectivo sentar cátedra. Amin foi o que Gramsci cualificou como un intelectual orgánico.

_____________________________________________________________________________

Notas:

(1) https://www.investigaction.net/es/entrevista-a-samir-amin-la-afirmacion-de-la-soberania-nacional-

(2) Samir Amin: El Capitalismo Senil, Revista El Manifiesto, Roma, 2002

(3) Samir Amin: El hegemonismo de Estados Unidos, El Viejo Topo, España, 2001

(4) http://contrahegemoniaweb.com.ar/adios-a-samir-amin/

(5) http://www.rebelion.org/noticia.php?id=168794

_____________________________________________________________________________

[Galiza, 24 de xaneiro de 2022]

Volver