Claman por un plan de futuro e contra o ERTE en Hispamoldes de Ourense
O cadro de persoal da empresa da automoción ourensá Hispamoldes mobilizouse onte contra o progresivo desmantelamento da empresa por parte dos fondos de investimento Sapa Group e Quarza, para rexeitar o ERTE e para reclamar un plan de futuro que garanta o mantementos dos postos de traballo.
As protestas, convocadas pola CIG-Industria e pola UGT, tiveron lugar de 12:30 a 13:45 horas diante das instalacións do Grupo Indea Auriense e de 14:00 a 16:00 na entrada do Parque Tecnolóxico de Galiza, en San Cibrao das Viñas, ao berro de “Hispamoldes non se pecha”.
Os problemas na compañía do sector da automoción comezaron coa adquisición do Grupo Hispamoldes (Hispamoldes, Hispaplasti, Plásticos de Palencia, entre outras) por parte destes fondos de investimento co obxectivo de crear “un provedor de referencia na industria europea da mobilidade sostíbel”, que bautizaron como Grupo Indea.
Pois ben, dende a central sindical advirten que a nova propiedade “está a deixar morrer a empresa e non aposta por Ourense” e denuncian que “aplicou un ERTE sen acordo”. Polo que demandan un plan de futuro que garanta o mantemento de todos os postos de traballo.