Claman en Compostela contra a universidade privada que o PP quere agasallar a Abanca
Centos de persoas percorreron esta mañá as rúas de Compostela para manifestar o seu rexeitamento á universidade privada coa que o Partido Popular quere agasallar a Escotet. Unha manifestación, convocada pola Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública, na que se denunciaron as consecuencias que isto terá para o sistema universitario público, que pode perder alumnado e ver reducido o seu financiamento.
Antes de se iniciar a marcha o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, denunciou a intención da universidade de Abanca de entrar a competir con titulacións que coinciden coas xa existentes na universidade pública, o que estaría a incumprir a Lei do Sistema Universitario Galego que di que “para que se autorice unha universidade privada ten que ser complementaria á oferta que existe no sistema público”.
Por iso rexeitou o papel da administración galega que nega a posibilidade de que se incrementen as titulacións nos diferentes campus e ao tempo ponlle unha “alfombra vermella” e dálle todo tipo de facilidades a Escotet para que formalicen o que vai ser a primeira universidade privada do país.
Alertou de que despois desta virán máis” porque é un negocio “suculento” para empresas que “non teñen ningún tipo de interese en potenciar a investigación senón que veñen a coller cacho”.
Bermello denunciou ademais a introdución do modelo americano de “endebedamento de por vida”. Seguindo o exemplo do mestrado universitario en Profesorado explicou que quen poderá acceder a eles son as familias con capacidade económica para pagalos ou con capacidade de endebedarse e advertiu que “máis se endebedará aínda quen vaia facer un grao”.
Consecuencias para a universidade pública
Xunto a isto o secretario nacional da CIG-Ensino alertou das consecuencias que terá para o estudantado porque a oferta pública se vai ver reducida no momento no que a privada compita porque en canto á universidade pública perda matrícula nun grao vaino eliminar. “Déixase así o alumnado sen poder recorrer á pública, con prezos máis razoables e que terá como unha alternativa a privada, se pode”.
A manifestación rematou na Praza da Quintana onde representantes do profesorado das organizacións sindicais, estudantando e persoal investigador deron lectura ao MANIFESTO:
PLATAFORMA GALEGA EN DEFENSA DA UNIVERSIDADE PÚBLICA
MANIFESTO POLA UNIVERSIDADE PÚBLICA GALEGA
A decisión de mercantilizar un ben universal de repercusión social como é a educación é un ataque contra a igualdade de oportunidades, porque aceptar unha universidade privada é aceptar a venda de títulos universitarios atendendo á capacidade económica e non aos méritos e capacidades de cadaquén.
Ademais, esta política do PP contra as institucións públicas e a súa aposta polo privado choca directamente cos intereses dunha sociedade galega que solicita e precisa dunha universidade pública de calidade, como garantía e alicerce do seu progreso e avance, suficientemente respaldada pola administración da que depende e, por extensión, da propia sociedade á que se debe e presta servizo.
A decisión do Partido Popular de apoiar, partidaria ou institucionalmente a través da Xunta de Galiza, a posta en marcha dunha universidade privada promovida por Banesco Internacional a través de AFUNDACION co proxecto de “Universidad Intercontinental de la Empresa”, é un paso decidido nun proceso progresivo de privatización do sistema público de ensino superior na comunidade autónoma que tivo o seu comezo nas sucesivas trabas á validación de títulos de Grao e Mestrado nas universidades públicas, ao que se sumou un proceso literal de depuración daqueles títulos que non cumprían con eses parámetros, sen ter en conta en ningún momento a súa implicación e transcendencia social.
A continua privatización do ensino en todas as etapas educativas é unha constante nos gobernos conservadores, aínda que en Galiza no ensino superior era, até o de agora, testemuñal. Unha administración autonómica non pode deixar de protexer o sistema público de educación, permitindo unha universidade privada que carece dun mínimo índice de calidade, o que vén significar un castigo a un sistema público que si acreditala posuílo.
Neste senso, o establecemento dunha universidade destas características non garante os niveis de calidade na formación e capacitación do profesorado, cuestións permanentemente revisadas no Sistema Universitario Galego. Precisamos un sistema educativo inserido na nosa realidade nacional para que dea resposta acaída ás necesidades da educación na Galiza, facilite o acceso en igualdade de condicións ao conxunto dos cidadáns e cidadás, garanta un sistema educativo propio, destine os orzamentos necesarios á educación pública, remate coas subvencións ao ensino privado e exerza todas as competencias en materia educativa.
A Xunta de Galiza debería asegurar ás universidades un plan de financiamento digno e razoábel, aspirando a taxas de inversión acordes con países desenvolvidos e que permitan ás universidades desenvolver a súa misión con mínimas garantías e sen precariedade. O dereito á educación pública universal supón un piar imprescindíbel para construír unha sociedade democrática. Sen uns servizos públicos para todos e todas non é posíbel camiñar cara á construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria. Por iso, a educación non debe converterse nunca nun negocio, nunha mercadoría máis.
Na actualidade, as tres Universidades de Galiza e os seus sete campus ofrecen unha cobertura formativa a todo o territorio, adaptándose ás necesidades sociais e laborais que se precisan, ampliando a súa oferta educativa e reorganizando aqueles aspectos cando é necesario. É dicir a Xunta de Galiza, en vez de posibilitar a oferta de novas titulacións nas Universidades públicas, permítelle ofrecelas á privada, ou disfrazar con outro nome titulacións xa impartidas actualmente.
O proxecto de Lei, que conta co rexeitamento das tres universidades públicas galegas e o reparo do Consello Económico e Social, é un novo agasallo da Xunta de Feijóo a un empresario a quen xa no seu día se lle entregaron as nosas Caixas de Aforros, e que se pretende lucrar agora co estudantado galego que teña recursos económicos suficientes xa que soamente poderá acceder un grupo de alumnado que economicamente poida pagar eses estudos, ou aqueles que recorran a un grande endebedamento.
A creación desta universidade privada suporá ademais que as universidades públicas, que xa teñen dificultades polo descenso de alumnado nos últimos anos, vexan incrementado o problema, xa que a maquinaria propagandística non dubidará en mentir sobre os beneficios laborais do alumnado que estude nos seus centros.
A oferta sobre a que sustenta o proxecto da nova universidade privada entra en clara contradición coa Lei do Sistema Universitario de Galiza e non vén a complementar a oferta actual do SUG, senón que ou ben é directamente coincidente, ao existiren xa titulacións como as que pretende ofrecer, ou ben “camufla” as titulacións para que inicialmente non coincidan con outras públicas xa existentes, cando en realidade agochan unha total coincidencia con titulacións que xa se están a impartir no SUG.
Un proxecto que pretende competir directamente coa oferta pública, con titulacións redundantes e que só busca o lucro e o beneficio dunha empresa privada prescinde tamén da preceptiva “promoción do galego”, un dos obxectivos que fixa a propia Lei do SUG. Unha Universidade privada sería nefasta para os intereses públicos, para o Sistema Universitario Galego e evidentemente para a poboación, xa que os servizos públicos son o único garante do acceso universal á educación superior do alumnado galego.
Por todo isto manifestamos o noso rexeitamento a creación dunha Universidade Privada en Galiza e declaramos, en nome de todas as organizacións e entidades que conformamos a PLATAFORMA GALEGA EN DEFENSA DA UNIVERSIDADE PÚBLICA, o noso firme compromiso co ensino superior público.