Circet, obrigada a renunciar ao ERE forzoso, propón saídas voluntarias da empresa

As mobilizacións do persoal e as alegacións da CIG botaron a baixo os argumentos da dirección para xustificar o despido colectivo
Nacional - 20 Dec 2024

O persoal de Circet, concesionaria do servizo de Movistar Telefónica en Galiza, logrou finalmente coas súas mobilizacións que a empresa se vise obrigada a dar marcha atrás na súa pretensión de aplicar un ERE extintivo para 377 traballadores/as no conxunto do Estado español. As alegacións presentadas pola CIG serviron tamén para botar abaixo os argumentos da empresa para xustificar o despido colectivo que no noso país afectaría a 118 persoas.

Agora, unha vez rematado sen acordo o período de consultas do ERE, a compañía de telecomunicacións intenta “salvar os mobles” propoñendo unicamente saídas voluntarias, “polo que a afectación vai ser mínima”. Dende a representación da central sindical na empresa entenden que a partir de agora o expediente vai decaer porque a empresa non presentou a documentación completa no Ministerio de Traballo “xa que non ten nin as actas asinadas”. 

As alegacións presentadas pola CIG foron fundamentais para rebater os argumentos da empresa

De feito, a aceptación ou non do ERE non se chegou nin a votar xa que a maioría da mesa se posicionou en contra da súa aprobación. Con todo, os servizos xurídicos da CIG estudan a pertinencia de impugnalo de todos os xeitos, “aínda que agardamos que o Ministerio o anule por defectos de forma”.

A parte social dá por rematado o proceso, de xeito que de aquí en diante se vai centrar en asesorar a aquelas persoas que opten pola saída voluntaria da empresa, que no caso de Galiza poderían ser unhas 10 ou 15. A indemnización fixada por Circet nestes casos é de 30 días por ano traballado cun máximo de 12 mensualidades.

Dende a CIG en Circet valoran moi positivamente a capacidade de loita do persoal, “que coa súa unidade e determinación deixoulle moi claro á empresa a súa oposición aos despidos” e consideran fundamental o contrainforme presentado la central sindical ao ERE, “xa que fomos quen de rebater as causas coas que intentaban xustificar a medida”.