Cinco xornadas de folga no servizo de transporte sanitario non urxente de Pontevedra-O Salnés
O comité de empresa de Ambulancias Civera, concesionaria do servizo de transporte sanitario non urxente da área de Pontevedra-O Salnés, anunciou hoxe a convocatoria de cinco xornadas de folga ante os constantes incumprimentos por parte da empresa no que ten que ver co pago de salarios, mantemento dos vehículos e entrega da roupa de traballo, entre outras cuestións.
O persoal, que esta mañá desenvolveu unha concentración diante do Hospital Provincial, está chamado a secundar paros de 24 horas os vindeiros días 17, 24, 26 e 30 de abril e o 2 de maio en resposta á situación que se vive no servizo como consecuencia da “nefasta” xestión da compañía. “Falta de dirección e o caos existente afecta tanto as condicións laborais como a propia calidade do servizo”, sinalan dende a FGAMT-CIG. Como exemplo citan a falta de mantemento dos vehículos, a escaseza de material e ou o nulo investimento en formación dos traballadores/as de nova incorporación.
Ademais, Ambulancias Civera non está a abonar as nóminas conforme ao convenio e aos acordos pactados, non facilita a roupa de traballo (incluso de choiva) e os EPI nin lle realiza ao persoal os recoñecementos médicos obrigatorios dende o comezo da concesión hai tres anos. “A situación de abandono chega ao punto de que os compañeiros/as de coordinación teñen mesmo que convivir con ratos na base”, censuran dende a representación sindical.
Por iso instan a Xerencia da EOXI e ao Sergas a tomar medidas para garantir que se cumpre tanto o convenio como as condicións do concurso de adxudicación do servizo, “xa que por exemplo o persoal padece exceso de xornada e falta de descanso e o servizo conta con menos ambulancias das que figuran no contrato; sen ir máis lonxe, na día de hoxe hai en funcionamento até sete vehículos menos dos 38 (máis 3 suplentes) obrigatorios”.
Finalmente, anuncian que nos vindeiros días continuarán coas protestas, que se repetirán coincidindo coas cinco xornadas de paros de 24 horas. “No caso de que non se poña fin a esta situación insostíbel non descartamos convocar folga indefinida”, rematan.