Cinco claves xeopolíticas para pensar o mundo en 2020

Katu Arkonada - 20 Xan 2020

Mentres fai arder o mundo, o capitalismo fractura os nosos pobos e fragmenta nosas sociedades. O colectivo debilítase en favor do individual, e aí é onde aparecen fenómenos como o auxe da ultradereita ou do evanxelismo, alí onde a esquerda é incapaz de dar resposta ás novas preguntas deste mundo en chamas

 Vivimos tempos de crise e, xa que logo, tempos interesantes.

 Crise económica, pero sobre todo, financeira. Dío o Fondo Monetario Internacional, que no seu último informe Perspectivas da Economía Mundial asegura que “O crecemento mundial rexistrou o seu ritmo máis débil desde a crise financeira de hai unha década”.

 O valor mundial(1) dos mercados bursátiles, o que Marx chamaba capital ficticio, sitúase ao redor dos 90 billóns de dólares, superando o PIB mundial, e cunha débeda pública que roza os 70 billóns de dólares e os bancos baixando as taxas de xuros e regalando diñeiro ao capital financeiro, non produtivo, están construíndose as condicións para unha crise dentro da crise.

 Entrementres, neste interregno entre crises, o mundo está en chamas. Arden as rúas, arden os bosques, arden as fronteiras e arden diversas zonas do planeta debido ás guerras comerciais ou polos recursos naturais, cada vez máis escasos.

 Imos analizar algúns dos focos vermellos deste 2020 en clave xeopolítica:

 Estados Unidos. As cousas móvense rápido na potencia imperial en declive, pero ao mesmo tempo epicentro da confrontación xeopolítica mundial. Cunha economía estábel, en crecemento, e un desemprego en decrecemento, é o ano de Trump.

 Un Trump que se converte no terceiro Presidente da historia dos Estados Unidos sometido a un xuízo político, tras Andrew Johnson (1868) e Bill Clinton (1998). E do mesmo xeito que os seus dous predecesores, sairá libre deste. Aínda que os demócratas encabezados por Nancy Pelosi manexaron ben o proceso de impeachment na Cámara Baixa, é unha batalla perdida nun Senado con maioría republicana e pode ter un efecto boomerang pois verase afectada a axenda das primarias demócratas, sobre todo a dos senadores Bernie Sanders e Elizabeth Warren, o que pode dar un novo impulso á candidatura de Joe Biden.

 Varias rexións do planeta veranse atinxidas polo que suceda de aquí ao martes 3 de novembro, día das eleccións presidenciais estadounidenses.

 Medio Oriente. O acto de inicio de campaña de Trump foi a recente execución de Soleimani, xeneral a cargo das Forzas Quds, o corpo de elite da Garda Revolucionaria Islámica e principal responsábel do combate ao Estado Islámico en Iraq. Esta operación e a resposta de Irán mediante un ataque cirúrxico a unha das principais bases estadounidenses en Iraq, co obxectivo de non deixar mortos pero si mostrar poderío tecnolóxico e de intelixencia, aumentan a temperatura da xa de seu rexión máis quente do planeta en termos xeopolíticos. Os case 1.000 quilómetros de fronteira que comparten Irán e Afganistán, con 13.000 soldados estadounidenses despregados, amplían o campo de batalla entre a principal potencia de Medio Oriente, Irán, e o complexo industrial-militar estadounidense, actor chave para a reelección de Trump en 2020.

 China. A potencia que cada vez achega máis o mundo multipolar a unha disputa bipolar, e que en 2021 celebrará os 100 anos do Partido Comunista de China (PCCh), entra o 25 de xaneiro no seu Ano da Rata co obxectivo de erradicar por completo a extrema pobreza. O obxectivo en 2020, despois de sacar a 800 millóns de persoas da pobreza durante os últimos 35 ano, é que ningún cidadán ou cidadá estea en situación de extrema pobreza.

 Ademais, cambia de ano asinando un acordo comercial con Estados Unidos, unha tregua que permitirá salvar os aranceis en teléfonos móbiles ou ordenadores, baixando os mesmos noutros produtos do 15% ao 7,%, á vez que asegura un investimento en produtos estadounidenses durante os próximos dous anos de 200 mil millóns de dólares. Unha Chinaa que xa supera a Estados Unidos en PIB medido en paridade do poder adquisitivo (PPA) e que, se profunda a súa alianza con Rusia e a Nova Ruta da Seda, que xa non implica só infraestrutura senón centrais enerxéticas, oleodutos e gasodutos, podería nun futuro non tan afastado superar a Estados Unidosn PIB global. No campo de batalla da tecnoloxía, o 5G e a ciberguerra, China xa se colocou por diante da súa competidor EEUU.

 Mundo en chamas. Os recentes incendios na Amazonia ou Australia, que achega o 5% do total mundial de contaminación climática mediante a minaría de carbón ou a explotación de gas, reafirman a idea de que non é o lume, é o capitalismo. Un modo de produción non sustentábel para a nosa Nai Terra que só trae guerras polo coltán, o petróleo, o litio, o cobre, a auga e sobre todo, como rapean Los Chikos do Maíz e Kase.Ou, o inimigo interno, o pobre. Porque os que saen perdendo das guerras imperialistas en todos os recunchos do planeta son as e os desherdados da terra. Os que non teñen sequera a posibilidade de coidar o planeta (porque ser ecoloxista é tamén unha cuestión de clase) son os que menos teñen. O equilibrio entre o dereito ao desenvolvemento dunha boa parte do mundo e os dereitos da natureza é unha dos grandes debates e tarefas pendentes.

Ultradereita e evanxelismo. E mentres fai arder o mundo, o capitalismo fractura os nosos pobos e fragmenta nosas sociedades. O colectivo debilítase en favor do individual, e aí é onde aparecen fenómenos como o auxe da ultradereita ou do evanxelismo, alí onde a esquerda é incapaz de dar resposta ás novas preguntas deste mundo en chamas.

 Fronte á guerra contra o “marxismo cultural” e a “ideoloxía de xénero”, a nosa defensa da humanidade fronte ao auxe do fascismo e do evanxelismo de ultradereita debe ser a aposta por unha sociedade rexida polos principios da xustiza social e o feminismo.

_______________________________________________________________________________________

Nota:

[1] Boletín do Instituto Tricontinental de Investigación Social: “O mundo abala entre crises e protestas” https://www.thetricontinental.org/es/newsletterissue/boletin-2-2020-austeridad

_______________________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 20 de xaneiro de 2020]