A CIG-Xustiza rexeita trasladar a negociación á Mesa Sectorial porque "é unha fraude"
Ante a convocatoria da Mesa Sectorial por parte da Xunta de Galiza coa pretensión de levar a este ámbito a resolución do conflito na xustiza, a CIG reitera que o comité de folga debe ser o organismo de representación do persoal nas negociacións coa administración. Denuncia que trasladar as reivindicacións que motivaron os paros á Mesa Sectorial "é unha ilegalidade, alén dun insulto á gran cantidade de compañeiros e compañeiras que durante estes tres últimos meses secundaron masivamente a folga".
Tal e como explican dende o sector de Xustiza da CIG-Administración Pública, o Real Decreto-Lei 17/1977, sobre relacións de traballo, indica que o comité de folga é o órgano de representación do persoal durante o conflito e a quen lle compete participar en cantas actuacións sindicais, administrativas ou xudiciais se realicen para a súa solución.
Un preacordo invalidado polo persoal
Deste xeito, subliñan, a Mesa Sectorial non pode suplantar as funcións que a lei reserva para o comité de folga. Por conseguinte, "todo acordo que se atinxa na Mesa Sectorial relativo aos puntos que impulsaron a folga sería manifestamente ilegal, alén de inmoral". Ademais, dende o sector de Xustiza da CIG sinalan que non se pode aceptar que a negociación que se pretenda abrir na Mesa Sectorial deste martes, 15 de maio, tome como referencia o documento do preacordo do 26 de abril, posto que foi "invalidado polo persoal nas urnas un día máis tarde".
Non seremos copartícipes de fraudes, ilegalidades nin prácticas antidemocráticas e escurantistas. Non actuaremos de parvos/as útiles de Rueda"
Malia as reservas sobre a convocatoria, a representación da CIG acudirá xuntanza por responsabilidade co persoal que se comprometeu nesta folga e coa única finalidade amosar o rexeitamento ao procedemento que se quere levar a cabo. CIG-Xustiza reitera que este non é o foro apropiado nin legal para pór fin a este conflito, "perpetuado de maneira interesada e irresponsábel pola Xunta e os seus cooperadores necesarios no campo sindical".
Porén, advirten que a CIG non validará ningún acordo que se adopte no seo da Mesa Sectorial que pretenda usurpar as atribucións do comité de folga. "Non seremos copartícipes de fraudes, de ilegalidades nin de prácticas antidemocráticas e escurantistas. Non actuaremos de parvos/as útiles de Rueda".
A maioría sindical rexeita a vía da arbitraxe
Tamén resulta sorprendente o nulo interese que espertou entre a inmensa maioría das centrais sindicais a arbitraxe que hai unha semana promovera a CIG perante o Consello Galego de Relacións Laborais.
A falta de adhesións da maioría dos sindicatos ao procedemento arbitral provocou o seu
arquivo, tal como acaba de notificar o propio CGRL. "Só a CSIF respondeu afirmativamente á proposta da CIG; CCOO rexeitouna e USO, CUT, UGT e STAJ ignorárona. A postura de Comisións Obreiras non nos sorprende, pois nas últimas semanas non deixou de actuar como un apéndice de Rueda. En cambio, non entendemos como o resto ficou impasíbel", sinalan.
A este respecto, dende CIG-Xustiza solicitan desas centrais sindicais que expliquen as razóns do seu silencio ante a que "consideramos como a única saída viábel e satisfactoria ao conflito neste momento de total enquistamento da situación".