CIG-Xustiza: "O corporativismo xudicial condena definitivamente un sindicalista"
Finalmente a Audiencia Provincial confirmou a sentenza do xulgado de Instrución nº 1 da Coruña condenando ao compañeiro Javier a unha multa de 180€. Remata así, subliñan dende CIG-Xustiza, "un periplo xudicial absurdo de tres anos por un suposto delito de coaccións que nunca existiu contra un compañeiro que non se agochou, non se botou para atrás á hora de defender a unha traballadora, como si fixeron outros sindicalistas mansos. E por iso foi condenado a sufrir un proceso xudicial todo este tempo e agora a abonar unha multa".
A CIG sigue considerando inxusta esta sentenza e amosa todo o seu apoio ao compañeiro. "Estes son os prezos que se pagan por practicar o verdadeiro sindicalismo", asevera o sector de Xustiza da CIG-Administración.
Porén, a central nacionalista non vai renunciar á súa traxectoria na defensa enérxica dos dereitos da clase traballadora, tanto no día a día como nas mobilizacións "ou mesmo nas reclamacións xudiciais, como as da traxectoria profesional, que estamos a gañar nos xulgados fronte ao acordo asinado por USO,UGT e CCOO, que excluía o persoal interino".
"E aínda así estamos a ver como UXT e CCOO seguen a asinar acordos nefastos coa patronal en contra do parecer dos e das traballadoras (no ERE do BBVA, no convenio do metal en Pontevedra etc.)", conclúen.