CIG-Xustiza denuncia que as persoas que concorren á OPE convocada pola Xunta terán que examinarse en Madrid
O pasado mes de abril convocábanse en Galiza 8 prazas de promoción interna de Xestión e 3 de Tramitación, correspondentes á OPE de 2017 e 2018 que se acumularon, en Coordinación co Ministerio de Xustiza. Para as primeiras presentáronse 60 solicitudes e para as outras un total de 15. Para a súa sorpresa o exame, para unha convocatoria da Xunta de Galiza, terá lugar en Madrid os días 29 e 30 de xuño, a onde xa hai quen decidiu renunciar a ir tras sopesar os gastos derivados do desprazamento e de hotel e as dificultades de conseguir unha praza, dado o baixo número de convocadas.
A CIG-Xustiza denuncia o “total desleixo e desprezo da Xunta de Galiza cara as súas traballadoras e traballadores aos que fai desprazarse a outra comunidade, a Madrid, para examinarse dunhas prazas que son de Galiza”.
Así o afirma o responsábel nacional do sector, Xesús H. Sánchez, quen asegura que “á Dirección Xeral non lle custaba nada coller unha aula na EGAP e habilitala, como noutras ocasións, para facilitar que esas preto de 80 persoas puideran facer as probas en Galiza”.
Sánchez lembra ademais que “temos lingua propia e en Madrid non se vai garantir o dereito que teñen as e os opositores a facer o exame en galego, algo que si tería que facer a Xunta de Galiza”.
Galiza coa Rioxa
Tal e como saíu publicado no BOE do pasado venres, día 14 de xuño “os aspirantes que concorren polos ámbitos territoriais de Asturias, Aragón, Galiza e A Rioxa examinaranse na sede de ‘Órganos Centrais-Madrid”. Unha información que xa deu a coñecer o Ministerio o pasado día 6 de xuño na Mesa Sectorial celebrada en Madrid onde se lle comunicou ás/aos representantes sindicais que “naqueles ámbitos que non alcanzaran as 100 solicitudes examinaríanse en Madrid”.
Diante desta noticia “a CIG foi a única organización sindical que protestou enerxicamente en Madrid por ese desleixo de funcións da Xunta”, explica Sánchez, quen lembra que as probas “podían facerse perfectamente en Galiza, asumindo a Xunta as súas competencias, porque se é quen convoca as prazas é quen ten que facer o exame”.
Un desleixo ao que suma a “cuestionable” actuación do Ministerio “por asumir un papel que non lle corresponde cando non convoca el, senón a Xunta de Galiza”.
Dificultades para candidatos/as
A CIG-Xustiza ten constancia de xente que xa dixo que “non ía gastar unha noite de hotel e a viaxe a Madrid, pedindo un permiso para poder ir, para facer un exame con tan poucas prazas”. Considera que, porén, se fose en Galiza facilitaríase a súa participación. Por iso considera que “a Xunta de Galiza en canto viu a porta aberta para poder escaquearse de organizar unhas oposicións, sen ter que poñer locais, nin persoal, nin nada, deixa que sexa o Ministerio o que organice todo eludindo non só as súas responsabilidades senón tamén as súas competencias”.