CIG-Xustiza denuncia os “gravísimos” problemas do edificio que alberga os Xulgados de Noia
Segundo explica Antón Ayaso, representante da CIG-Xustiza en Compostela, as condicións nas que se atopa o edificio do Xulgado do Partido Xudicial de Noia son “tan precarias e lamentables” que supoñen “un grave risco para a integridade física das traballadoras e traballadores, profesionais e cidadanía usuaria deste servizo”.
Ayaso advirte de que o mal estado do edificio “pon en serio perigo de electrocucións aos traballadores e traballadoras e usuarios” e supón tamén un “grave risco de contraer enfermidades respiratorias e alérxicas debido á exposición a fungos e mofo”, co perigo engadido de que se produzan derrubes “como xa ten acontecido”.
Reformas que non se levaron a cabo
O representante da CIG-Xustiza lembra que xa en 2017 o alcalde de Noia mantivo unha xuntanza co Director Xeral de Xustiza para trasladarlle a situación na que se atopaba o edificio polas filtracións de auga que se producen pola cuberta cando chove e polo mal estado das ventás.
“Daquela chegárase ao compromiso de realizar obras de acondicionamento no inmoble ese mesmo verán”, lembra Ayaso. Reformas que ían incluír a reparación da cuberta, substitución da carpintaría exterior e das ventás deterioradas e das que, porén “nada máis se soubo até hoxe”, denuncia.
Humidades e filtracións que seguen
Na actualidade esas humidades e filtracións seguen e, segundo denuncia Ayaso, “xa se converteron en regueiros de auga que baixan polas escaleiras”. Asegura que ademais de afectar ás oficinas e as salas de vistas poñen en risco os medios tecnolóxicos, como os ordenadores das oficinas xudiciais, o sistema de gravación da sala de vistas e o servidor informático que, alerta “corre o perigo de estoupar”.
A este respecto advirte que “unha avaría neste servidor provocaría a perda do traballo feito, o que suporía que non se puidesen gravar datos dos procedementos feitos, tanto penais como civís, provocando a demora no rexistro de datos de decenas de procedementos, ou sexa, que se perdese o traballo e que os xulgados quedaran paralizados”.
Deber das administracións públicas
Diante desta situación, a CIG-Xustiza de Compostela lembra que “é deber das administracións públicas respecto do persoal ao seu servizo garantir a seguridade e saúde das traballadoras e traballadores e, sobre todo, evitar danos para a integridade física do persoal e usuarios dos Xulgados de Noia”.
Por iso exixe tanto á Dirección Xeral de Xustiza, como responsable do persoal, como ao concello de Noia que se proceda a facer todas as xestións pertinentes para “emendar á maior brevidade posible a grave situación de deterioro deste Xulgados a fin de evitar males maiores”.