CIG-Xustiza denuncia o abandono do arquivo de pezas de convicción dos xulgados de Compostela
CIG-Xustiza vén de denunciar o lamentable estado no que se atopan as pezas de convicción (probas dos delitos) almacenadas no arquivo dos Xulgados de Santiago. Alerta ademais das enfermidades potenciais que podería provocar para as traballadoras e traballadores do corpo de auxilio xudicial, que son quen entran e saen constantemente deste arquivo, nomeadamente se padecen alerxias, e exixe unha inmediata solución.
Malos cheiros, ácaros, mofos e até cogumelos proliferan no arquivo de pezas de convicción dos Xulgados composteláns, tal e como acreditan as imaxes que acompañamos. Así o asegura Antón Ayaso, representante da CIG, quen advirte de que xa hai persoal que, non sendo alérxico, ao saír do traballo presenta síntomas de rinite, dermatite ou dificultades respiratorias como asma e demais.
Sinala que, de feito, a OMS xa ten desenvolvido estudos sobre as consecuencias para a saúde que teñen as esporas dos mofos, a acumulación de ácaros, a humidade ou a falta de ventilación en espazos pechados e escuros como este e incide especialmente en que, neste caso, incúmprese ademais o Real Decreto 486/1997, do 14 de abril, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde nos lugares de traballo e en particular o referido no artigo 7 e anexo III do devandito texto legal:
“Artigo 7. Condicións ambientais.
- A exposición ás condicións ambientais dos lugares de traballo non deberá supoñer un risco para a seguridade e saúde dos traballadores. Para tal fin, as ditas condicións ambientais e, en particular, as condicións termohigrométricas dos lugares de traballo deberán axustarse ao establecido no anexo III.
- A exposición aos axentes físicos, químicos e biolóxicos do ambiente de traballo rexerase polo disposto na súa normativa específica.”
“ANEXO III Condicións ambientais dos lugares de traballo.
- A exposición ás condicións ambientais dos lugares de traballo non debe supoñer un risco para a seguridade e a saúde dos traballadores.
- Así mesmo, e na medida do posible, as condicións ambientais dos lugares de traballo non deben constituír unha fonte de incomodidade ou molestia para os traballadores. Para ese efecto, deberán evitarse as temperaturas e as humidades extremas, os cambios bruscos de temperatura, as correntes de aire molestas, os cheiros desagradables, a irradiación excesiva e, en particular, a radiación solar a través de xanelas, luces ou tabiques acristalados.
- Nos locais de traballo pechados deberán cumprirse, en particular, as seguintes condicións: a) A temperatura dos locais onde se realicen traballos sedentarios propios de oficinas ou similares estará comprendida entre 17 e 27 º C. A temperatura dos locais onde se realicen traballos lixeiros estará comprendida entre 14 e 25 º C.
- b) A humidade relativa estará comprendida entre o 30 e o 70 por 100, excepto nos locais onde existan riscos por electricidade estática nos que o límite inferior será o 50 por 100.
- c) Os traballadores non deberán estar expostos de forma frecuente ou continuada a correntes de aire cuxa velocidade exceda os seguintes límites: 1.º Traballos en ambientes non calorosos: 0,25 m/s. 2.º Traballos sedentarios en ambientes calorosos: 0,5 m/s. 3.º Traballos non sedentarios en ambientes calorosos: 0,75 m/s.
Estes límites non se aplicarán ás correntes de aire expresamente utilizadas para evitar a tensión en exposicións intensas á calor, nin ás correntes de aire acondicionado, para as que o límite será de 0,25 m/ s no caso de traballos sedentarios e 0,35 m/ s nos demais casos.”
Xunto a isto, sinala o incumprimento por parte da administración do artigo 21 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de Riscos Laborais que ante un risco grave e inminente está obrigada a:
“Artigo 21. Risco grave e inminente.
- Cando os traballadores estean ou poidan estar expostos a un risco grave e inminente con ocasión do seu traballo, o empresario estará obrigado a:
a) Informar canto antes a todos os traballadores afectados acerca da existencia do devandito risco e das medidas adoptadas ou que, no seu caso, deban adoptarse en materia de protección.
b) Adoptar as medidas e dar as instrucións necesarias para que, en caso de perigo grave, inminente e inevitable, os traballadores poidan interromper a súa actividade e, se fose necesario, abandonar de inmediato o lugar de traballo. Neste suposto non poderá esixirse aos traballadores que renoven a súa actividade mentres persista o perigo, salvo excepción debidamente xustificada por razóns de seguridade e determinada regulamentariamente.
c) Dispoñer o necesario para que o traballador que non puidese poñerse en contacto co seu superior xerárquico, ante unha situación de perigo grave e inminente para a súa seguridade, a doutros traballadores ou a de terceiros á empresa, estea en condicións, tendo en conta dos seus coñecementos e dos medios técnicos postos á súa disposición, de adoptar as medidas necesarias para evitar as consecuencias do devandito perigo.
2. De acordo co previsto no apartado 1 do artigo 14 da presente Lei, o traballador terá dereito a interromper a súa actividade e abandonar o lugar de traballo, en caso necesario, cando considere que dita actividade entraña un risco grave e inminente para a súa vida ou a súa saúde.
- Cando no caso a que se refire o apartado 1 deste artigo o empresario non adopte ou non permita a adopción das medidas necesarias para garantir a seguridade e a saúde dos traballadores, os representantes legais destes poderán acordar, por maioría dos seus membros, a paralización da actividade dos traballadores afectados polo devandito risco. Tal acordo será comunicado de inmediato á empresa e á autoridade laboral, a cal, no prazo de vinte e catro horas, anulará ou ratificará a paralización acordada.
O acordo a que se refire o parágrafo anterior poderá ser adoptado por decisión maioritaria dos Delegados de Prevención cando non resulte posible reunir coa urxencia requirida ao órgano de representación do persoal.
- Os traballadores ou os seus representantes non poderán sufrir prexuízo algún derivado da adopción das medidas a que se refiren os apartados anteriores, a menos que obrasen de mala fe ou cometido neglixencia grave.”
Por iso a CIG-Xustiza exixe que de inmediato se solucione esta situación e se adopten todas as medidas necesarias para garantir a saúde do persoal mais tamén a conservación do material e documentos arquivados.
Mal estado de conservación
Respecto desto último, Ayaso afirma que o estado de abandono do arquivo non afecta unicamente á saúde do persoal senón que mesmo está provocando o deterioro das pezas de convicción que “moitas delas, cando son reclamadas polas súas/seus donos, unha vez rematado o procedemento xudicial, están totalmente inservibles o que provoca un prexuízo económico para os seus/súas propietarios, sexan particulares, comerciantes ou empresas aumentando así a frustración da sociedade que xa se ve abondo prexudicada polos tempos de espera destes procedementos”.
Máis alá diso, o representante da CIG advirte do incumprimento que isto supón da legalidade en materia de conservación de arquivos e documentos, tal e como está previsto na LEI 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia.
O problema, para Ayaso, é que non se puxeron en marcha os medios necesarios para desenvolver esta lei e “nin sequera se garante, no caso dos xulgados de Compostela, espazo abondo para acumular todas as pezas”.
De feito, nin sequera a Audiencia ten sitio ningún onde arquivar e garda tamén no arquivo de pezas os seus documentos: apelacións civís e penais; procedementos abreviados e ordinarios; os de tribunal xurado e as executorias. “Estariamos falando de documentación de casos como o de Asunta ou o famoso de troquelaxe dos coches”.
Porén o artigo 49 desta lei di que:
“1. Os xulgados e tribunais de xustiza constituirán os seus propios sistemas de arquivos e rexeranse, no que atinxe á xestión de documentos e arquivos, polo disposto na súa lexislación específica. 2. Os documentos xudiciais cualificados de conservación permanente pola Xunta de Expurgación da Documentación Xudicial de Galicia ingresarán no correspondente arquivo histórico provincial, sen prexuízo do establecido no artigo 40”.
Este arquivo histórico provincial que menciona a lei si existe no caso de Pontevedra, pero no caso da Coruña só recibe documentos procedentes dos xulgados da Coruña e de Ferrol. “No caso dos xulgados composteláns o TSXG buscou un oco no Arquivo Histórico de Galiza para albergar documentos, pero só durante cinco anos, porque non é aí onde teñen que estar”.
Por iso, dada a falta de espazo, o estado de abandono e o deterioro apreciable do material almacenado nos xulgados de Compostela, Antón Ayaso advirte das faltas nas que se podería estar incorrendo, xa que esa mesma lei recolle que “destruír documentos á marxe dos procedementos regulamentariamente establecidos, e cuxo valor supere os 60.000 euros, e todas as accións ou omisións que leven aparelladas a perda, destrución ou deterioración irreparable dos bens protexidos por esta lei”.