CIG-Xustiza denuncia a saturación estrutural que sofre o equipo de Civil e Familia nos xulgados de Compostela

Reclama a cobertura das prazas vacantes e denuncia os atrasos que isto implica para a resolución de asuntos como pensións de alimentos ou procedementos de violencia de xénero
Compostela - 03 Set 2026

A CIG denuncia a situación de saturación estrutural que sofre o equipo de traballo de Civil e Familia do Servizo Común de Execución de Santiago de Compostela e reclama á Dirección Xeral de Xustiza a cobertura urxente das cinco prazas vacantes que existen neste equipo.

Segundo o informe elaborado pola sección sindical, a situación non é consecuencia da recente implantación da nova Oficina Xudicial, completada o 31 de decembro de 2025, senón que responde a un déficit de persoal sostido no tempo. De feito, as sentenzas ditadas polo equipo xa aumentaran un 42,7 % entre 2023 e 2024, pasando de 1.527 a 2.180, e a tendencia continuou en 2025, cando se alcanzaron as 2.490 sentenzas, un incremento acumulado do 63,1 % en dous anos.

A CIG considera necesario facer unha precisión respecto das cifras de persoal difundidas publicamente pola Xunta de Galiza. A referencia a 32 persoas para o conxunto do Servizo Común de Execución, entre as xurisdicións civil e penal, non permite apreciar a situación específica do equipo de Civil e Familia, que conta cun cadro propio. Dos 32 efectivos, 17 corresponden ao equipo de traballo Civil, 5 ao equipo de Contencioso-Administrativo e Social e 10 á área Penal.

No equipo Civil, o cadro previsto é de 17 efectivos —cinco xestores/as e doce tramitadores/as—, pero na actualidade só hai 12 persoas, ao existir cinco prazas vacantes, dúas de xestión e tres de tramitación. Catro destas prazas levan meses sen cubrir. Isto significa que o equipo está funcionando co 70,6 % do cadro previsto, polo que a falta de persoal non pode considerarse unha ausencia puntual ou marxinal.

Ademais, 2 dos tramitadores e tramitadoras en activo están adscritos á materia de Familia e non a Civil Xeral. Descontando estes efectivos, o equipo que sostén en exclusiva a execución Civil Xeral queda reducido a 10 persoas —3 xestores/as e 7 tramitadores/as— fronte aos 15 efectivos que corresponderían cun cadro completo.

Sobrecarga do 50 %

Os datos recollidos no informe permiten dimensionar esta situación. Cada profesional de execución civil xeral asume actualmente unha media de 230 execucións correspondentes a 2024 e 2025, fronte ás 153 que lle corresponderían cun cadro completo. Nos escritos, a carga é de 166 por profesional fronte aos 110 que corresponderían co cadro completo. Isto supón unha sobrecarga do 50 % nas execucións e do 51 % nos escritos pendentes.

A CIG salienta, ademais, que estas cifras deben ser entendidas como un chan mínimo da carga real de traballo, xa que só recollen as execucións correspondentes aos anos 2024 e 2025. A execución civil arrastra procedementos de anos e mesmo décadas anteriores que non están incluídos nestes datos, polo que o volume real de pendencia é superior.

Os datos por praza mostran tamén o incremento da actividade: as sentenzas pasaron das 1.527 de 2023 ás 2.180 de 2024 e ás 2.490 de 2025. Pola súa banda, as execucións de títulos xudiciais (ETJ) pasaron de 1.556 en 2024 a 1.803 en 2025, un aumento do 15,9 %. As execucións en trámite correspondentes exclusivamente a 2024 e 2025 ascenden xa a 2.300 e existen 1.655 escritos pendentes de prover, 700 deles concentrados na praza 5.

O informe advirte de que a carga é aínda maior, xa que, ademais das ETJ, a sección tramita outros procedementos de execución de maior complexidade técnica e especialización, como as execucións de títulos non xudiciais (ENJ) e as execucións xudiciais hipotecarias (EJH), que non se incorporan ás cifras anteriores.

Tutela xudicial efectiva

A CIG alerta de que os atrasos na execución non son unha cuestión meramente interna da Administración de Xustiza, xa que a execución é o mecanismo que permite facer efectivo o dereito recoñecido nunha resolución xudicial.

A demora da Administración vulnera o dereito á tutela xudicial efectiva ao non garantir o cumprimento das sentenzas e demais resolucións xudiciais nun prazo razoable, deixando sen efecto real as decisións xudiciais cando non existe un control efectivo sobre a súa execución. Isto afecta ás pensións de alimentos, ás vítimas de violencia de xénero, á recuperación de rendas ou ás débedas por cotas das comunidades de propietarios, entre outras.

O informe sinala tamén que os datos oficiais do Consello Xeral do Poder Xudicial para o Partido Xudicial de Santiago corroboran, en termos xerais, a tendencia. No conxunto da xurisdición civil figuran 1.688 asuntos rexistrados, 1.424 resoltos e 6.496 en trámite ao remate do período considerado.

Ao mesmo tempo, mentres a pendencia civil diminuíu un 8,1 % no conxunto de Galiza durante 2025, as execucións en trámite nesta sección aumentaron un 52,7 % no mesmo período.

O sindicato nacionalista CIG considera, polo tanto, que a situación require unha resposta inmediata e que non pode quedar supeditada á futura entrada en funcionamento dunha nova bolsa de persoal interino. A existencia dunha bolsa futura non resolve a necesidade actual dunha unidade que presenta unha elevada carga de execución e unha pendencia de considerable antigüidade.

Por iso, CIG-Xustiza reclama o nomeamento urxente de persoal interino xa formado para cubrir as 5 prazas vacantes, recorrendo ás listas de interinos/as actualmente vixentes e sen agardar á publicación da nova bolsa. Solicita tamén a cobertura definitiva das prazas en canto sexa posible, a elaboración dun plan de actuación específico para o equipo de Execución Civil, a desagregación pública das cifras de persoal por xurisdición e sección e unha reunión coa representación sindical para analizar as cargas de traballo, a distribución dos efectivos, as vacantes e as necesidades reais de persoal. Reclama, ademais, da Dirección Xeral de Xustiza unha resposta por escrito, con prazo concreto de actuación e un calendario para a cobertura efectiva das prazas.