CIG-Xustiza demanda que se consolide a praza de reforzo no Rexistro Civil de Ribeira
A CIG-Xustiza vén de se dirixir á Dirección Xeral de Xustiza en demanda de que se manteña a prórroga do reforzo existente do Corpo de Tramitación Procesual e Administrativa no Rexistro Civil de Ribeira antes de que finalice o actual período de reforzo aos efectos da creación de dita praza por consolidación derivada da súa notoria necesidade estrutural.
Segundo explica o representante da CIG-Xustiza de Santiago, Antonio Ayaso, a Dirección Xeral de Xustiza (DXX) ten previsto, para o día 13 de novembro, non prorrogar o actual reforzo da praza de tramitación do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº 1 de Ribeira que desenvolve as súas función no Rexistro Civil (RC).
Explica que esta decisión responde á intención de “evitar a consolidación dunha praza necesaria e estrutural, como así o demostra o feito de que nos últimos 11 anos veña sendo reiterada e sistematicamente cuberta por reforzos”.
O representante da CIG-Xustiza salienta que a solvencia dos dous funcionarios que prestan este servizo “é altamente recoñecida” e subliña que “é evidente que a especialización favorece unha maior eficiencia cara ao desempeño dun posto de especial transcendencia, co cal prescindir dunha persoa cualificada produciría un importante quebranto no servizo”. Advirte ademais que “un só funcionario para atender o RC é totalmente insuficiente”.
O labor do Rexistro Civil
Ayaso lembra que no rexistro civil inscríbese o nacemento; a filiación; o nome e apelidos; a emancipación e habilitación de idade; as modificacións xudiciais da capacidade das persoas ou que estas foron declaradas en concurso, quebra ou suspensión de pagos; as declaracións de ausencia ou falecemento; a nacionalidade e veciñanza; a patria potestade, tutela e demais representacións que sinala a Lei; o matrimonio e a defunción. E subliña que “a case totalidade destas inscripcións é obrigatoria para os cidadáns”.
Asegura, por iso, que as funcións que realiza o Rexistro Civil son imprescindibles na vida dos cidadáns, de tal xeito que “sen o seu correcto funcionamento non se podería facer efectivo o gozo de múltiples dereitos así como o cumprimento de distintas obrigas”. Tal é así que mesmo “constitúe a proba dos feitos rexistrados, a inscrición debe ser exacta e minuciosa e, polo tanto, o seu desempeño require dunha especial eficiencia, polo que a dotación de persoal debería estar en consonancia coa trascendencia da labor que se debe efectuar”.
Persoal suficiente para o novo modelo de Rexistro Civil
A CIG-Xustiza sinala que está previsto que nos partidos Xudiciais coma o de Ribeira se proceda, durante o último semestre do ano 2022, á implantación das Oficinas Xerais segundo o novo modelo de Rexistro Civil, co cal deberían estar dotadas do persoal suficiente, devindo totalmente necesaria a consolidación dunha nova praza.
Neste sentido evidencia a grande carga de traballo do Rexistro Civil de Ribeira subliñando que no ano 2020 foron solicitadas e expedidas 2.879 certificacións, cunha media de 240 certificacións mensuais. Unha media que se incrementou no curso do ano 2021, sendo a media até o mes de agosto de 268 certificacións ao mes.
Xunto a isto apunta que no ano 2020 as Inscripcións Principais e Marxinais de Nacementos, Matrimonio, Defunción e Tutela sumaron un total de 1.513, o que fai unha media de 127 expedientes mensuais e que, no que levamos do ano 2021, esta media tamén se incrementou notablemente ata acadar os 142 expedientes mensuais.
Ademais sinala que, a maiores deste labor, os funcionarios deben de atender ao público en mostrador, as consultas telefónicas e as solicitudes telemáticas.
Xulgados de Ribeira
O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución 1 de Ribeira está servido por: Xuíz/a ou Maxistrado/a, unha Letrada da Administración de Xustiza, duas funcionarias do Corpo de Xestión Procesual e Administrativa, catro de Tramitación Procesual e Administrativa e dúas do Corpo de Auxilio Xudicial. Este Xulgado ten competencias nas ordes civil, penal (fai unha de cada tres gardas do Partido Xudicial), funcións de Decanato e tamén a levanza do Rexistro Civil. Tamén hai que ter en conta que ao ser o xulgado máis antigo do partido xudicial, arrastra demandas e execucións moi antigas.
O Xulgado Mixto 1 de Ribeira, segundo a estatística da actividade por xurisdicións, excede o módulo de entrada de asuntos nos órganos xudiciais da súa clase, reflectido na Orde JUS/1415/2018 do 28 de decembro pola que se publica o acordo entre o Consello Xeral do Poder Xudicial e o Ministerio de Xustiza para a determinación do sistema de medición da carga de traballo dos órganos xudiciais. “Segundo o espírito desta Orde, deberíase ter en conta a complexidade da litixiosidade en función do número de procedementos dunha ou doutra clase, así como a falla de especialización do xulgado e a falla de dotación de persoal da Administración de Xustiza de cara a adopción das medidas de reforzo e aumento de planta que resulten máis axeitadas”, sinala Ayaso.
A isto engade que as cifras oficiais de poboación para Ribeira resultantes da revisión do Padrón municipal ao 1 de xaneiro ascende a 26.848 persoas e que o total do Partido Xudicial ascende a un total de 55.050 habitantes, sen contar coa poboación non censada que traballa nas industrias do contorno (Boiro e A Pobra do Caramiñal contan con 18.884 e 9.318 habitantes respectivamente).
Por iso afirma que “a carga de traballo nos xulgados de Ribeira é tal que a necesidade dun cuarto xulgado vén sendo demandada polos distintos operadores xurídicos”. De feito, no ano 2020 a Inspección do Tribunal Superior de Xustiza subliñou a necesidade de dotar o partido xudicial dun cuarto xulgado e o 24 de maio de 2021 “o Ilustre Colexio Provincial de Avogados da Coruña pediu ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia o seu apoio para reclamar un novo Xulgado no Partido Xudicial de Ribeira, ante o continuo aumento de asuntos pendentes de resolución. “O Colexio de Avogados apoia a súa decisión nun informe elaborado no que se mostra con datos obxectivos a situación que se está vivindo neste Partido Xudicial”. Informe segundo o que o número de asuntos pendentes de resolución increméntase en torno ao 10% anualmente, conclúe Antón Ayaso.