A sección sindical da CIG en XEAL manifesta a súa preocupación ante a resolución pola que se denega o proxecto promovido por Portodemouros Solar, SL. Esta preocupación, explican, non se centra na denegación en si propia, senón no contexto no que se produce.
Hai que lembrar que tanto o comité de empresa como a sección sindical da CIG presentaron alegacións ao proxecto relacionadas, fundamentalmente, co incumprimento das condicións concesionais, ao entender que un novo aproveitamento debe manter a vinculación coas fábricas de ferroaliaxes nos termos das concesións actuais. Estas alegacións, a día de hoxe, continúan sen ser resoltas.
Neste contexto, preocupa que a denegación poida estar encamiñada a facilitar posteriormente a autorización do proxecto de Feroe Ventures, empresa integrada no mesmo grupo empresarial propietario de XEAL, tratando de eludir a vinculación societaria e concesional existente.
Responsabilidade da Xunta
A sección sindical salienta que a Xunta de Galiza “terá unha responsabilidade fundamental neste proceso”, ao corresponderlle decidir sobre a autorización da concesión. Por iso, advirte que unha eventual autorización a un proxecto destas características, que permita separar estes aproveitamentos das fábricas, “provocará menos xeración enerxética a Santa Uxía en favor do novo proxecto e podería supoñer, na práctica, un novo paso no desmantelamento industrial e na perda de emprego”.
Para a representación da CIG resulta especialmente grave que isto se produza cando a Xunta continúa destinando importantes recursos públicos a XEAL e a proxectos vinculados ao seu futuro industrial, “mentres as fábricas presentan mínimos históricos de actividade e emprego e os traballadores e traballadoras sofren un claro retroceso nas súas condicións laborais”.
Redución do emprego e das condicións laborais
Critican que a empresa se negue a alcanzar un convenio colectivo que posibilite recuperar e manter o poder adquisitivo perdido nos últimos anos, a pesar da situación económica e dos apoios públicos recibidos. “A Xunta non pode mirar para outro lado ante esta realidade nin seguir avalando con fondos públicos unha empresa que reduce emprego, deteriora as condicións laborais e non garante un futuro industrial para as fábricas”, afirman.
A sección sindical da CIG reclámalle á Xunta de Galiza que garanta o cumprimento das condicións concesionais, resolva as alegacións pendentes e non autorice ningún novo aproveitamento que poida prexudicar as centrais e fábricas actualmente vinculadas ás concesións.
Nesta liña, reiteran que “non se pode seguir poñendo o patrimonio público e os recursos de todos e todas ao servizo de operacións empresariais que poden acabar favorecendo o desmantelamento industrial, reducindo a actividade e a xeración eléctrica vinculada ás fábricas, empeorando as condicións laborais e destruíndo emprego na comarca”.