CIG, UGT e CCOO non serán partícipes do confusionismo ao que quere xogar o PP cando é responsábel da grave crise de Ferrolterra
Ante a nova do PP de Galiza de apoiar a convocatoria de folga comarcal do 10 de marzo nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, as centrais sindicais CIG, UGT e CCOO fan as seguintes consideracións:
A situación de desmantelamento industrial, perda de poboación etc. nestas comarcas non é cousa de hoxe, senón de décadas atrás, con responsabilidade tanto do Goberno central como da Xunta de Galiza. "Polo tanto, os sindicatos convocantes non imos participar do confusionismo, pois temos ben claras as irresponsabilidades que xeraron esta situación".
Os tres secretarios comarcais lembran que o Goberno galego é o responsábel da política industrial do noso país e, cando menos," podemos afirmar que no que ten a ver coas nosas comarcas, non exerceu como tal".
A este respecto, non hai máis que sinalar algunhas das súas últimas posicións en temas de gran relevancia para o futuro destas comarcas: o PP negouse en sede parlamentar á establecer que as concesións dos proxectos eólicos que se instalen vaian obrigatoriamente acompañadas de proxectos industriais asociados, ou a esixencia de que a maior parte da fabricación se faga aquí, ao igual que ocorre noutros países, e que sería unha cuestión de vital importancia, por exemplo para Gamesa ou turbinas. "Pola contra atopámonos unha vez máis cunha política de barra libre para as grandes eléctricas e sen compensación", denuncian.
De igual xeito non cómpre esquecer a postura do PP contraria á creación dun centro tecnolóxico da enerxía nas Pontes, ou a súa negativa histórica a participar no Consello de Administración de Navantia en exercicio da responsabilidade que lle confire o propio Estatuto de Autonomía. "Ou que dicir da súa responsabilidade coas nosas rías, abocadas á morte pola falta de rexeneración. E así un longo etc.".
Atendendo a estas actuacións, "só cabe pensar que o PP de Galiza é incapaz ou non quere comprometerse no deseño dun futuro para as nosas comarcas, escudándose na tan manida letanía de votar a culpa os demais, se isto é así quizais o lóxico sería que pensaran seriamente en presentar a dimisión. Os sindicatos temos moi claro, e témolo reflectido o en múltiples documentos, quen son os responsábeis e cales son as solución, tanto a curto como a medio e longo prazo. Polo tanto, alá cada quen coas súas incongruencias."