CIG, UGT e CCOO expresan á subdelegada a necesidade inmediata do indulto a Carlos e Serafín
Os secretarios e secretaria comarcais da CIG, UGT e CCOO en Vigo mantiveron na mañá deste 19 de setembro un encontro coa subdelegada do Goberno español en Pontevedra, Mª Carmen Larriba García, para transmitirlle a necesidade de que o novo executivo conceda canto antes o indulto aos traballadores Carlos Rivas e Serafín Rodríguez.
Segundo Alberte Gonçalves, secretario comarcal da CIG de Vigo, o encontro veu motivado pola necesidade de transmitir ao goberno do PSOE saído da moción de censura do pasado xuño a urxencia do indulto a Carlos e Serafín, condenados de xeito abusivo a tres anos de prisión.
Tal e como xa fixeran co subdelegado do anterior goberno do PP, explicaron que, á espera de que se conceda o segundo indulto, a posibilidade de entraren no cárcere “pende como unha espada de Damocles” sobre os dous traballadores e supón “xa de por si unha condena”.
Insistiron, ademais, total inocencia de ambos, xa que no xuízo pola súa participación nun piquete informativo da folga do transporte de 2008 “nunca se demostrou nada nin houbo soa implicación por danos físicos nin materiais”.
Lembraron, así mesmo, os milleiros de sinaturas recabadas e o apoio de diferentes colectivos sociais e institucións á causa do indulto, como o Parlamento de Galiza, a Deputación de Pontevedra, o Concello de Vigo ou múltiples concellos da bisbarra.
Agora, agardan que a receptividade amosada pola subdelegada, que se comprometeu a axilizar o envío do expediente á Delegación do Goberno en Galiza, dea os seus froitos e nun prazo razoábel esta cuestión sexa abordada en Consello de Ministros.
Na xuntanza fixeron tamén fincapé na necesidade de que o goberno do PSOE derrogue tanto o artigo 315.3 do Código Penal, que criminaliza a participación en piquetes, como a Lei Mordaza e as reformas laborais.
Nova concentración este xoves 20
O encontro decorreu na véspera dunha nova concentración en prol do indulto, que terá lugar este xoves 20 de setembro ás 20h diante do Marco, na rúa Príncipe de Vigo.
As centrais fan un chamamento a participar tanto nesta como nas vindeiras convocatorias dunha campaña que podería ampliarse se o goberno do PSOE non atente a reivindicación.