CIG-Transportes denuncia o uso de ambulancias de apoio non equipadas como transporte sanitario de emerxencias
Estas ambulancias de apoio, segundo estabelece o propio SERGAS, están exclusivamente para traslados non vitais, polo que non poden facer intervencións nunha emerxencia. Porén, cada vez máis, segundo explicaron o responsábel de Transportes da CIG, Xesús Pastoriza, e os traballadores do 061, Carlos Rego e Óscar Graña, os vehículos de apoio (tipo monovolume e nos que só vai o condutor ou condutora) envíanse a cubrir urxencias.
“O que soe acontecer nestes casos é que como esta ambulancia non pode socorrer a emerxencia á que se envía, ten que esperar a que acuda unha ambulancia da rede do 061 e ao final tes dous vehículos mobilizados no mesmo lugar e outros servizos sen cubrir”, apuntou Pastoriza.
Esta situación vénse producindo dende a publicación do novo prego de condicións que estabelece a obriga ás empresas concesionarias do transporte de urxencia de asumir o 50% dos servizos das emerxencias que non se poden cubrir coa rede de transporte sanitario urxente contratada con calquera outra vehículo que teñan a súa disposición. “Isto que o 061 vende como mellora non o é porque este tipo de apoio xa se viña prestando con anterioridade”, aseverou Óscar Graña.
Un servizo excepcional que se volve habitual
O problema radica en que o uso destes vehículos non se dan en situacións excepcionais, senón que se está a converter en algo habitual. Tanto é así, denuncia Graña, que as empresas contratan persoal especifico para destinalo a estas ambulancias de apoio. Puxo como exemplo a situación da zona do sur de Pontevedra (na que desenvolve o seu traballo), onde existen tres ambulancias de apoio que prestan servizos en Vigo e comarca, Condado-Paradanta e Baixo Miño.
Estes vehículos non dan servizo nin as 24 horas do día, nin os 365 días do ano, nin están equipadas tecnicamente como unha ambulancia normal. Pero “temos comprobado que estes coches prestan até dez servizos diarios. As empresas téñenas de maneira fraudulenta como unha ambulancia máis da rede 061”.
Estes transportes, matizou, nunhas ocasións prestan servizos como ambulancias de tipo A, que poden transportar persoas enfermas ou accidentadas que non requiren asistencia sanitaria abordo. Mais de xeito ilegal son enviadas a cubrir emerxencias que si requiren asistencia. Ademais, dende hai pouco, polas queixas do persoal dos centros sanitarios, están prestando servizos como ambulancias de tipo B. “Pero isto tamén vai en contra da lei porque estas ambulancias están obrigadas a ir tripuladas por dous profesionais acreditados/as e só vai un traballador/a”.
Graña engadiu que na zona sur de Pontevedra esta situación veuse agravada polo incremento dos transportes e do tempo de traslado coa entrada en funcionamento do novo Hospital de Vigo. “Como as ambulancias están ocupadas bótase man das concertadas ou de apoio para facer calquera servizo”, advertiu.
Sobre isto, durante a rolda de prensa lembrouse que hai uns anos o SERGAS reduciu ou recortou cinco ambulancias en toda Galiza. Curiosamente, é nas áreas afectadas por este recorte onde se están a incrementar os servizos do transporte de apoio. E non hai que perder de vista que as empresas concesionarias cobra por cada un destes servizos atendidos.
Caso extremo no Concello da Garda
Caso extremo, denunciou Graña, é o que vive o Concello da Garda, tan presente estes días polo accidente mortal rexistrado o pasado sábado. “O que a administración non di á prensa é que cando a ambulancia para esta zona non está dispoñíbel o tempo de resposta para recibir asistencia sanitaria en ambulancia é de media hora. Entendemos que un accidente destas características desborda calquera servizo, pero o que non se conta é que nese momento non había ambulancia e os primeiros medios en chegar ao lugar foi persoal médico do centro de saúde da Garda en taxi. E isto pasa a diario, e non só neste concello”.
Unha afirmación que sostiña Carlos Rego ao asegurar que na área da Coruña tamén se repite esta situación. “A ambulancia está para apoio á rede de ambulancias pero resulta que en moitas ocasións somos nós quen temos que ir apoiar á concertada porque a mandan a situacións que non pode asistir”, lamentou.
Utilizar estas ambulancias de apoio de forma continuada como ambulancias propias da rede constitúe dous problemas: para os/as usuarios/as unha asistencia precaria e un incremento do tempo de resposta e para o persoal destes vehículos enfrontarse “a situacións tremendas que non poden resolver”.
Neste senso, Rego explicaba que a miúdo se rexistran situacións de tensión porque logo do usuario/a ter que esperar a que chegue a ambulancia, “resulta que aparece un coche e cunha soa persoa que non pode facer o servizo”.
Moitas veces quen require a ambulancia é o propio persoal sanitario dos centros de saúde que quere acompañar, medicalizar e prestar servizo durante o traslado dun/ha doente “e o que lles mandan é un vehículo que ten unhas características inadecuadas para ofrecer ningún servizo”. Isto motivou que dentro da área sanitaria sur haxa xa un formulario de queixa que os/as profesionais están a cubrir cada vez que lle envían un vehículo de apoio en vez dunha ambulancia.
Problemas tamén na atención telefónica
Xunto a isto, Pastoriza criticou a rebaixa no nivel de eficacia do 061 nos últimos tempos, a pesar das enquisas positivas que manexa a Fundación. “O certo é que os traballadores e traballadoras do sector atópanse atendendo un servizo e con outros catro ou cinco pendentes ao mesmo tempo, co desprazamento das ambulancias de apoio ás emerxencias ou coa falta de medios humanos suficientes na atención telefónica do 061”.
O incremento no número de servizos solicitados ao que se refería Óscar Graña tamén é percibido na central de chamadas. Como isto non levou aparellado un aumento no cadro de traballadores/as, o contestador de resposta automático salta con maior frecuencia. Isto pode implicar importantes atrasos cando un cidadán chama ao 061 para solicitar unha ambulancia ou cando o propio persoal do transporte sanitario intenta pórse en contacto coa central operativa para pedir reforzo ou realizar unha consulta.
“Ás veces tes que esperar entre 10 e 15 minutos para que te atenda unha persoa. Imaxina que estás na casa cun problema grave e tes que agardar este tempo a que che collan o teléfono e logo outro tanto a que chegue unha ambulancia”, censurou Pastoriza. Segundo denunciou, isto é así por cuestións puramente economicistas, xa que deste xeito a empresa adxudicataria evita contratar máis persoal para atender o servizo.
Dada esta situación a CIG vai realizar todas as medidas de presión oportunas, estase pendente dunha entrevista co 061 e tamén se está a recoller información para realizar un informe dirixido á Fiscalía.