CIG-TIC reclama un convenio galego que garanta unhas condicións dignas para o persoal do sector
Delegados e delegadas da CIG-TIC concentráronse esta mañá diante do CGAC, en Compostela, para reclamar un convenio galego para as empresas TIC. Reiteran así a súa proposta, que xa conseguira abrir a mesa negociadora do sector no Consello Galego de Relacións Laborais no ano 2018.
Indican na CIG-TIC que o convenio de consultorías non mellora as condicións dos traballadores e traballadoras do sector e que afonda na perda de poder adquisitivo, pois teñen calculado que pode chegarse a perder un 10% do salario debido a que a suba do IPC destes anos.
Consello Galego de Relacións Laborais
Consideran que hai tecido produtivo e clase traballadora para que se abra de novo a mesa de negociación un convenio TIC galego, que apoie a un sector en alza, polo que piden ao Consello Galego de Relacións Laborais que volva a falar cos axentes sociais para que se senten á mesa negociadora das TIC de novo, pois é esta unha petición que parte mesmo dos traballadores e traballadoras, un convenio de aplicación xusto e de ámbito galego e realmente sectorial.
Desde a CIG-TIC anuncian que seguirán coas mobilizacións, como se acordou en asembleas de delegados e delegadas da CIG-TIC, para dar visibilidade ás reclamacións da clase traballadora galega, nun sector punteiro e dos que está tendo unha maior marxe de beneficios que non repercuten nos traballadores e traballadoras, debido ao pésimo convenio de consultorías estatal.